A Irmandade do Prendemento encárgase do alugueiro de traxes para o Mercado Renacentista de Viveiro e da venda da medalla conmemorativa 2026

A Irmandade do Prendemento de Viveiro será a encargada de poñer á venda a Medalla Conmemorativa do Mercado Renacentista a un prezo de 5 euros e que se poderá mercar tanto no local dos claustros de San Francisco como na oficina de turismo. Deste xeito continúase coa colección baseada na heráldica das liñaxes e escudos da época. Este ano estará dedicada á heráldica de Hevia Pumariño, que se atopa na Igrexa das Concepcionistas de Viveiro.

A Irmandade do Prendemento tamén se encargará do alugueiro de traxes de época para o Mercado Renacentista a prezos accesibles. Haberá unha ampla variedade de traxes para nenos e nenas, mulleres e homes, cos seus correspondentes complementos. Ademais renovouse e ampliouse a oferta de traxes e accesorios. O prezo dos alugueiros será de 15 euros para nenos e nenas e entre 20€ e 25 euros para persoas adultas. Levarase a cabo os días 29 e 30 de xuño e 6, 7, 8, 9 e 10 de xullo nos claustros de San Francisco en horario de 18:00 a 21:00 horas.

Para rematar explican que o alugueiro “ofrece a vantaxe de poder cambiar de personaxe cada ano e variar, ademais de contribuír aos importantes proxectos que a Irmandade leva desenvolvendo nos últimos anos”.