Jesús Bernardo, médico nutricionista do Comité Olímpico Español, pronunciará unha conferencia en Ribadeo o 26 de maio. Está organizada por Acisa.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo organiza unha conferencia nutricional que terá lugar o 26 de maio. Será pronunciada polo prestixioso doutor Jesús Bernardo, especialista en Nutrición e Dietética.

O título da charla será Coñecer os alimentos para ter boa saúde. Jesús Bernardo é médico especialista en Nutrición e Dietética terapéutica polo hospital Robert Debré da Universidade francesa de Reims; médico especialista en Nutrición Deportiva pola Universidade Paul Sabatier, de Toulouse (Francia); membro da Comisión de Nutrición e Hábitos Saudables do Comité Olímpico Español; médico nutricionista da Selección Española de Hockey sobre patíns, da Federación Española de Patinaxe e do Real Oviedo Club de Fútbol; membro de diferentes asociacións e sociedades científicas como a SEN (Sociedade Española de Nutrición) e director da UNAM (Unidade de Nutrición, Alimentación e Metabolismo en Asturias).

A conferencia será o 26 de maio ás 20 horas no salón de actos da Casa Sindical, sito na Avenida de Galicia, 20, de Ribadeo. 

Jesús Bernardo referirase na súa exposición á grande variedade de alimentos, tan importantes no día a día, como son as legumes, as verduras e hortalizas, os tubérculos e as froitas, explicando a súa composición nutricional e facendo fincapé en certas peculiaridades dalgúns deles e sobre cómo o seu consumo lle pode afectar á nosa saúde. Este médico nutricionista tamén falará dos peixes e carnes, do ovo, dos produtos lácteos e dos azucres. 

O presidente de Acisa, David Martínez, anima a asistir a esta conferencia nutricional “tanto si se é deportista ou non. Sempre é interesante escoitar a voz e os consellos dun experto en nutrición, como é o doutor Jesús Bernardo. Facemos unha chamada aos clubs deportivos de Ribadeo e do resto da comarca, aos pais e nais preocupados por mellorar a alimentación dos seus fillos e á poboación en xeral a acudir a esta charla, que organizamos coa colaboración da UNAM e do Concello de Ribadeo”.