José Carlos Rodríguez Andina será o pregoeiro das festas patronais de Ribadeo 2023. O programa inclúe as actuacións de Budiño e Magic Queen.

O ex alcalde José Carlos Rodríguez Andina será o pregoeiro das festas patronais de Ribadeo 2023. Hoxe foron presentados o cartel e o programa. No acto participaron o alcalde, Dani Vega, as concelleiras de Cultura e Benestar Social, Begoña Sanjurjo e Elena Sierra, e os concelleiros de Deportes e Medio Ambiente, Francisco José Silvent e Diego dos Santos, xunto aos membros da comisión organizadora Juan López e Gonzalo Lebredo. 

O rexedor contou que “hoxe presentamos as festas de Ribadeo e o primeiro que queremos facer dende o Concello é agradecer todo o traballo á comisión organizadora dos festexos. É importante destacar todo o que fan, como o organizan de ben e iso amosa un amor por Ribadeo”.

Para Vega “coordinar unhas festas sempre é complexo: barracas, as orquestras, as actividades alternativas, … É un feixe de traballo e ás veces pouco agradecido. Dende o Concello queremos colaborar con eles e entre todos tes unhas boas festas. E creo que os estamos a facer ben coordinados. Tamén quero agradecerlle á Xunta de Galicia toda esa colaboración económica”.

E engadiu que “o que quero tamén é trasladar unha felicitación a todos os veciños e veciñas de Ribadeo. Pasémolo ben, disfrutemos cos amigos e coa familia deste Ribadeo que queremos e amamos todos”.

O pregón será pronunciado polo ex alcalde José Carlos Rodríguez Andina, o 1 de setembro, no Teatro. Será presentado polo coñecido xornalista ribadense Fabián Pérez. O 2 de setembro terá lugar o Xara Fest, o primeiro festival de música underground, que se celebra en Ribadeo e que se enmarca dentro da programación das festas patronais. 

Gonzalo Lebredo, un dos membros da comisión organizadora, anunciou que “haberá o día dos maiores para achegar os festexos ata a residencia e o centro de día, tamén se celebrará o día do neno, a tradicional sesión de fogos artificiais do 7 e o día grande será o 8 de setembro”. Un amplo programa de actividades para todos os públicos se desenvolverá entre o 1 e o 10 de setembro en Ribadeo e no que o deporte tamén estará presente con trofeos de baloncesto, billarda e fútbol, entre outros, así como charangas e orquestras “de moito nivel”. Os pratos fortes dos festexos serán Budiño e Magic Queen. 
A comisión agradece “a colaboración do Concello, da Xunta, de Estrella Galicia e de todas as persoas e negocios de Ribadeo”, que coas súas achegas contribúen á realización das festas patronais de Ribadeo 2023.