Lourenzá conmemorará o Día contra o Cancro de Mama o 19 de outubro cunha charla, cunha andaina e cunha merenda solidaria.

O Concello de Lourenzá conmemorará o Día Contra o Cancro de Mama este venres, día 19, cunha charla, andaina e  merenda solidaria.

A alcaldesa, Rocío López, anunciou hoxe que “o salón do Centro Social Torreón dos Frades, de Lourenzá, acollerá este venres, 19 de outubro, ás 16:30 horas unha charla titulada Impacto psicolóxico do Cancro de Mama, que será impartida pola psicooncóloga Carmen Rubiños López. A continuación terá lugar unha andaina solidaria polas principais rúas de Vilanova e colocaranse tres lazos rosas en tres lugares emblemáticos do pobo. E, xa para rematar, polas 18:30 horas os asistentes volverán ó centro social Torreón dos Frades para merendar chocolate e mantecadas”.
 
As actividades son organizadas pola Concellería de Servizos Sociais. Rocío López e a concelleira Mercedes Dengra invitan “a todos os veciñ@s a participar neste acto solidario e a sensibilizarse con un tema tan serio como é o cancro de mama, que afecta a tanta xente”.

Todos os donativos serán entregados á Asociación Española contra o Cancro. O Concello de Lourenzá agradece a colaboración de Pastelería Cabaleiros, que contribúe aportando as mantecadas para a merenda.
  
Ademais desde a tarde de onte no balcón da Casa do Concello de Lourenzá pendura unha pancarta cun gran lazo rosa e na que se pode ler Contigo, eu dou a cara, en apoio a todas as persoas que padecen e que loitan por superar esta enfermidade.