Mondoñedo presentará en Santiago unha guía de recursos locais para posicionarse como final de etapa do Camiño Norte.

O Concello de Mondoñedo asistirá este ano ao II Fórum do Camiño de Santiago ‘Fairway’, que se celebrará do 12 ao 14 de novembro no Palacio de Congreso e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela. Neste espazo, no que se aborda o fenómeno do Camiño en toda a súa amplitude, a alcaldesa da localidade, Elena Candia, presentará unha guía cos recursos que ofrece Mondoñedo ao peregrino co obxectivo de posicionar a cidade como final de etapa do Camiño Norte.

Ademais dunha guía cos recursos cos que conta a localidade, Elena Candia tamén adianta que neste escaparate, punto de encontro entre empresas, institucións e destinos; dende o Concello de Mondoñedo presentarán unha proposta centrada naposta en valor do potencial turístico e da unión entre as dúas catedrais do Camiño Norte, dende Mondoñedo a Santiago de Compostela. 

A alcaldesa remitiu unha carta ao sector da hostalería e aos albergues locais a través da que os convida a participar e “poder estar presentes co Concello no II Fórum do Camiño de Santiago” e, de non ser posible, “que nos acheguen todo aquilo que consideren oportuno para poñer en valor tanto Mondoñedo como as iniciativas privadas vinculadas directa ou indirectamente ao Camiño Norte”.

O Concello de Mondoñedo está a promover un importante labor de difusión do potencial co que conta a localidade tanto no eido histórico, como cultural e artístico, dándollelo a coñecer aos diferentes axentes implicados no sector turístico e, neste caso, destacan “a forza e as condicións que reúne Mondoñedo para posicionarse como final de etapa do Camiño Norte”.

Por último, a alcaldesa de Mondoñedo, quen explica que o Concello terá stand en ‘Fairway’ compartido con outro municipio da Mariña, destaca a importante plataforma comercial en que se converte este fórum, con feira e congreso e cun ámbito internacional, sendo un punto de encontro necesario de oferta e demanda, para dar consistencia ao produto turístico xerado en torno ás rutas a Santiago de Compostela.