No Vicedo o 19 de agosto haberá unha Xeoruta polas praias de Area Grande e Xilloi e o 20 terá lugar un espectáculo de Circo Chosco.

O Concello de O Vicedo afronta esta nova semana coa segunda edición das Xeorutas e o espectáculo do Circo Chosco “Riscando o ceo”, dúas citas indispensables para toda a familia os días 19 e 20 respectivamente.

O mércores, 19 de agosto, ás 10 horas terá lugar a segunda edición das Xeorutas a cargo do xeólogo Fran Canosa. Nesta ocasión, os participantes poderán visitar e coñecer máis  de cerca as praias de Area Grande e Xilloi. A actividade está pensada para toda a familia, con rutas fáciles para todas as idades e con desprazamentos pequenos que se farán en coches particulares. Esta nova edición das Xeorutas será gratuíta e terá prazas limitadas, polo que os interesados deberán apuntarse chamando ao teléfono 982 59 01 95.

Por outra banda, o xoves, 20 de agosto, ás 20 horas, O Vicedo acolle o espectáculo “Riscando o Ceo”, de Circo Chosco. Esta nova actividade de interior leva aos asistentes a un mundo onde o circo aparece en forma de humor, maxia, risco, malabar, acrobacias e equilibrios imposibles, facendo desfrutar tanto a maiores como aos máis pequenos. O espectáculo, inspirado no mundo de O Principiño, do autor Antoine de Saint-Exupery, sérvese dun ton absurdo e reflexivo, cunha forma próxima e moi visual, que fai que o público se reformule o esencial das cousas e viaxe co perigo e a risa, emocionando a persoas de todas as idades. Este espectáculo é de entrada gratuíta e está suxeito ao cumprimento estrito das normas sanitarias actuais.