Nordés Faladora organiza o 15 de xuño unha xornada de convivencia na Ponte Segade, na que participarán rapaces de Mañón e do Vicedo.

Este venres, 15 de xuño, conmemorando o Día Mundial do Medio Ambiente celebrado o 5 de xuño a asociación Nordés organiza a xa tradicional xuntanza entre nenas e nenos do CEIP Francisco López Estrada do Concello de Mañón e CEIP O Vicedo.

A xornada de convivencia terá lugar na área recreativa da Ponte Segade, con actividades de concienciación e de aprendizaxe activo, vertebrado a través do Proxecto Ríos de primavera.

Estará dividida en estacións a cargo de voluntarios e especialistas. Abordarase a análise da augas do río Sor para testar o estado da súa saúde, un dos requisitos do Proxecto Ríos. Ademais farase un roteiro pola ribeira do río seguindo un tramo da ruta de sendeirismo homologada que percorre a beira do Sor. Búscase achegar a riqueza de flora e da fauna, e á vez utilízase este paseo para completar o análise do Proxecto Ríos, xa que é imprescindible estudar o contorno do río. Tamén haberá xogos populares relacionados coa natureza nun intento de aumentar o contacto das nenas e dos nenos co mundo que os rodea, sen necesidade máis que o que o entorno lles proporciona.

As nenas e os nenos de Educación Infantil atoparanse durante esas horas nunha estación pensada para o seu goce, atendidos por especialistas, onde o respecto cara ao medio ambiente agromará dunha sesión de contacontos que precede a traballos manuais e xogos.