Nordés organiza Vídeofaladoiros. O primeiro terá lugar o 18 de abril. Xosé Lois González falará sobre "Os mouros na toponimia do Ortegal e A Mariña".

Desde Nordés Faladora sinalan: “Amigas e amigos de Nordés. Co obxectivo de que o illamento se nos faga a todas e todos máis levadeiro vimos presentarvos unha nova proposta que agardamos sexa do voso interese, pois a continuidade da mesma vai depender precisamente do seguimento que teña, de tal xeito que, se vai ben a cousa, a unha primeira seguirá unha segunda, e a esta unha terceira...etc, etc”.

Trátase dos Videofaladoiros de Nordés. “Unha iniciativa en forma de relatorios de curta duración feitos e transmitidos en directo pola aplicación “jitsi meet”, unha das máis sinxelas de empregar de todas as ofertadas, polo que non hai escusa para deixar pasar a oportunidade de conectarse o sábado 18 de abril ás 19:00 horas para escoitar a charla deXosé Lois González, titulada Os mouros na toponimia do Ortegal e A Mariña”, engaden desde Nordés.

Os organizadores sinalan que “o título ambiguo do faladoiro achéganos ás diferentes acepcións da palabra mouro na nosa terra e ás distintas tipoloxías das referencias a eles visibles na toponimia: neses nomes de lugares e accidentes xeográficos, por exemplo, que mesmo agochan lendas”.

E engaden que “para asistir á vídeo conferencia precísase móbil, tablet ou ordenador con cámara web e micro, unha boa conexión, e apuntarse chamando a Luis ao teléfono 620417848, ou mandando e-mail a asociacion.nordes@gmail.com. Coa intención de que non quede ningunha persoa fóra das que, sentíndose atraídas polo relatorio, tivesen dúbidas de conectarse por medo a non saber manexarse coa aplicación proposta, faremos unha conexión de proba o venres ás sete da tarde. Data límite de inscricións para participar no faladoiro o venres ás 14.00 horas”.