A novena edición do Ribadeo Indiano terá lugar do 12 ao 14 de xullo

A novena edición do Ribadeo Indiano terá lugar do 12 ao 14 de xullo. Así o confirmou o alcalde, Daniel Vega.

O rexedor dixo que “comeza a conta atrás para a celebración do Ribadeo Indiano 2024, que será a segunda fin de semana do mes de xullo, dos días 12 ao 14”.

Vega indicou: “sabemos que esta cita esperta moito interese e queremos que a xente vaia planificando a súa axenda e facendo as reservas correspondentes nos hoteis e nos restaurantes da nosa vila”.

O alcalde subliñou que “o Ribadeo Indiano é a fin de semana máis importante do ano para o sector hostaleiro e da restauración e unhas datas moi importantes tamén para o comercio”. 

E engadiu: “a organización do Ribadeo Indiano botará a andar nuns días. Concello e Acisa imos iniciar as xuntanzas de traballo para ir pechando pouco a pouco a programación da que gozaremos ao longo desas xornadas e tamén nas vésperas e antevésperas”.