O 10 de novembro celebrarase unha xornada sobre historia local en Mondoñedo. Será na Casa da Penela.

A Casa da Penela, en Mondoñedo, acollerá a celebración dunha xornada sobre historia local que se celebrará o vindeiro sábado, 10 de novembro.

As actividades comezarán ás 12:00 horas cunha palestra do investigador mindoniense Xe Freire titulada "De república a república. Mondoñedo entre dous séculos", na que fará un percorrido pola vida da cidade no período que transcorre desde as décadas finais do século XIX ata as primeiras dúas décadas do século XX.

A segunda das palestras, que comezará ás 13:00 horas, correrá a cargo do investigador e crítico literario Armando Requeixo e levará por título "Letras e república na Galiza mindoniense". Xirará arredor do grupo de persoas que puxeron en marcha, durante o período republicano, a revista Galiza, publicación ligada ao núcleo galeguista da cidade e do que formaban parte un grupo de mozos ligados ao Seminario de Estudos Galegos e ao Partido Galeguista.

A xornada rematará, ás 17:00 horas, cunha mesa redonda na que participarán Daniel Río “Caxigueiro”, Xusto Fernández e Xulio Rodríguez, que achegarán as súas vivencias dos tempos finais do franquismo e do inicio da transición, dando conta das primeiras iniciativas sociais, culturais e políticas de carácter democrático que xurdiron na cidade.

A comisión organizadora convida a todos os veciños de Mondoñedo e da Mariña a participar nestas xornadas que son abertas a todas as persoas interesadas, e fan un chamado especial a todas aquelas que dalgún xeito poidan achegar información sobre os temas que van ser obxecto de debate. Ademais organiza un xantar de confraternidade para o que é preciso inscribirse, antes do día 8 de novembro, chamando ao teléfono 683 14 87 57.