O 11 de marzo arrinca en Viveiro e na Pontenova unha nova edición das experiencias de turismo slow da Mariña Lucense.

Esta fin de semana arrinca unha nova edición das experiencias de turismo slow da Mariña Lucense. Do 11 de marzo ao 23 de abril desenvolveranse oito xornadas, que terán lugar en Ourol, A Pontenova, Cervo, Foz, Xove, Ribadeo e Viveiro. 

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembra que “o Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto colaborativo posto en marcha no ano 2015 polas Mancomunidades de Concellos da Mariña Lucense e Ferrolterra – Rías Altas, coa intención de promover un turismo sostible, é dicir, respectuoso coa natureza, coa xente que vive no territorio, coas empresas e traballadores do sector turístico. Así, con esta filosofía, que hoxe en día xa é tendencia, foise desenvolvendo un proxecto escaparate da oferta de ambos xeodestinos para dar resposta ao perfil do turista que escapa das masificacións e que está cada vez máis concienciado cunha forma de viaxar máis pausada, buscando o descanso, gozando do medio natural e coñecendo e valorando a cultura e a vida local”.

As Experiencias de Turismo Slow darán comezo este sábado, 11 de marzo en Viveiro e na Pontenova. Na cidade do Landro desenvolverase un obradoiro de pan no que Panadería Galdo compartirá a experiencia de facer pan de forma totalmente artesanal nun forno de leña do ano 1961 e no que a xente poderá levar para a casa o pan feito coas súas propias mans. E na Pontenova haberá unha ruta guiada polo seu patrimonio industrial e cultural, ofrecendo o coñecemento sobre a función dos fornos que son a imaxe máis recoñecible da vila, unha visita á Mina Consuelo e o descenso na tirolesa da man de Tirolina das Minas, coa posibilidade de ampliar a experiencia cunha estancia en Casona de Labrada.  

O 18 de marzo terá lugar un brunch con degustación de marmeladas en A Morena, un obradoiro situado en Sargadelos (Cervo), que elabora marmeladas artesanais elaboradas con ingredientes ecolóxicos e de primeira calidade. E ese mesmo día Os Tres Teixos en San Acisclo (Foz) ofrece unha estancia especial para recibir e celebrar o Equinoccio de primavera cun programa de actividades compartidas coma mindfulness, yoga, danza ou paseos conscientes. 

O 25 de marzo están programadas dúas actividades moi diferentes. Por un lado o carpinteiro francés Sebástien Léprevost ofrecerá un obradoiro para coñecer todo o ciclo da madeira e fabricar unha pequena peza no seu taller de Ourol e, por outro Roqsport ofrece vivir unha experiencia diferente en familia e en plena natureza no seu Parque de Aventura de Viveiro, onde se poderán realizar os distintos circuítos de diferentes dificultades entre árbores atravesando pontes, pasarelas, tirolinas, etc e un percorrido de orientación con explicacións sobre o manexo do compás, interpretación de mapas, etc. 

Xa en abril, despois da Semana Santa, o día 15 en Ribadeo Raíces Nómadas Atelier ofrece un obradoiro para aprender as técnicas básicas da marroquinería fina; coser a man, acabado de bordes e todo o preciso para que cada asistente elabore o seu propio bolso e o leve acabado. Coa posibilidade de ampliar a experiencia cunha estancia na Cortiña de Cantalarrana. 

E o 22 e 23 de abril no Lugar das Marías en Xove, Iria Pigueiras ofrecerá un taller de iniciación á cerámica para coñecer de primeira man diferentes técnicas, materiais, texturas e pigmentos así como crear varias pezas deseñadas por cada asistente seguindo un proceso creativo dinámico e colaborativo, nun entorno excepcional como é a aldea e o xardín deste aloxamento. A experiencia inclúe merenda, pernoita, cea e almorzo.

As actuacións vinculadas a esta iniciativa, que teñen que ver principalmente coa coordinación e promoción do programa, están financiadas ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo en colaboración coa Deputación de Lugo.