O 13 de novembro será inaugurada en Ribadeo unha exposición fotográfica de Peter Schneider sobre a catástrofe do Prestige.

A Concellaría de Cultura programa para este vindeiro fin de semana diversas actividades que comezarán o sábado, 11 de novembro, ás 20:45 horas, no Teatro onde terá lugar unha actuación da Coral Magistroi, de Barcelos (Portugal). O domingo, 12 de novembro, estará no auditorio municipal Talía Teatro, que representará Foucellas, e o luns 13, ás 19:00 horas, será inaugurada unha exposición de fotos de Peter Schneider, que presenta un traballo realizado cando se afundiu o Prestige. Titúlase Tempo escuro e poderase ver durante varias semanas na Oficina de Turismo.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anunciou que “para quen lle guste a música coral este sábado, 11 de novembro, ás nove menos cuarto, vai actuar no Teatro a Coral Magistroi, de Barcelos (Portugal), seguindo a liña de intercambios de actuacións con formacións de fóra de Ribadeo que desenvolve a Coral Polifónica de Ribadeo. A nosa Coral, que sempre nos deleita con boa música, tamén vai a outros lugares e iso implica a recepción pola nosa banda das corais correspondentes”. 

O edil ribadense explicou que “na tarde do domingo a compañía Talía Teatro preséntanos Foucellas, unha montaxe que escribe e dirixe Cándido Pazó e que ten no elenco de actores a Artur Trillo, a Toño Casais, a María Ordóñez e a Dani Trillo. Coas propias palabras de Cándido Pazó podemos describir un pouquiño esta obra que ademais toma o nome do famoso fuxido na postguerra. É unha ficción que especula sobre un momento histórico, pero tamén ten un enfoque claramente metafórico que nos fai reflexionar sobre como nos enfrontamos nas nosas vidas á administración da derrota. Iso que tanto se fala agora de saber xestionar e administrar os nosos sentimentos, o sentimento de frustración que hai que aprender a levalo, pois pode ser unha boa ocasión este domingo no auditorio Hernán Naval, ás oito e media, gozar dunha boa representación teatral cunha compañía de primeiro nivel en Galiza. O prezo será único de 4 euros, así que non hai escusa para achegarnos este domingo ao auditorio municipal”.

O edil de Cultura salienta que “xa o luns podemos achegarnos ata a Oficina de Turismo para asistir á inauguración dunha exposición que rememora xa, alí van quince anos, pero é bo lembrar os momentos nos que a nosa colectividade se viu sometida a probas moi duras, momentos como foron o do Prestige. Con esta exposición de Peter Schneider poderemos lembrar eses días, e revivir eses momentos de rabia pero tamén de espíritu cívico de participación, de colaboración para entre todos saírmos adiante dunha situación tan difícil e tan delicada como foi a do Prestige. Xa con máis calma, con máis serenidade, pero para lembrar eses momentos recoméndolles que asistamos á inauguración e despois en calquera momento á propia exposición que vai desenvolverse na Oficina de Turismo. A inauguración será o luns, ás sete da tarde”.