O 14 de outubro da comezo en Ribadeo a XVI Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que está dedicada por primeira vez ao público infantil.

Este domingo, 14 de outubro, da comezo en Ribadeo a XVI Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón que, por primeira vez, está dedicada integramente aos nenos e nenas. No Cine Teatro o grupo Trécola presentará Choruma, un espectáculo para pícaros ata os 4 anos. A mostra seguirá os domingos 21 e 28 de outubro coas seccións infantís de A Adala e Ollomao. O evento foi presentado polo concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e por Mati González, viúva de Daniel Cortezón.

O edil de Cultura dixo que “un ano máis vai ter lugar a Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que neste 2018 chega á súa edición número 16. Este ano ademais ten moitas novidades. Aínda que xa nalgunha ocasión fixemos teatro para críos, nesta ocasión imos facer unha Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón dedicada ao público infantil, onde ademais van ter protagonismo non só como público senón tamén como actores e actrices”.

Farruco Graña salientou que “as tres propostas deste ano abranguen un abano de idades que van desde os bebés, co cal todo pícaro e toda pícara dun mes, de quince días, de dez meses, de cinco, oito, dez ou doce anos pode vir ao teatro. Imos empezar esta fin de semana. Hai que destacar ademais que, mentres que noutras ocasións a mostra concentrábase nunha fin de semana, nesta ocasión vai ser ao longo de todos os domingos que quedan do mes de outubro, precisamente para facilitar a asistencia do público infantil”.

O concelleiro ribadense engadiu que “este primeiro domingo, o día 14, ás cinco e media no Teatro a compañía de Ourense Trécola Teatro vainos presentar Choruma. Trátase dunha historia arredor da primavera que vai durar trinta minutos. A duración é tan concreta porque é para nenos e nenas de 0 a 4 anos e a súa duración está adaptada á capacidade de atención destas idades. Ademais o público vai estar á beira das actrices, enriba do escenario. Estará só unha persoa adulta por cada bebé polo que as prazas van ser limitadas e repartidas por orde de chegada. Como sempre a billeteira vai abrir unha hora antes de que comece a función. Trécola Teatro presenta a actores adultos cunha obra para público infantil”.

Graña engadiu que “a novidade témola nos dous domingos seguintes, nos que as funcións van estar protagonizadas por nenos e nenas, actores e actrices, que ademais son da comarca, co cal dobre motivo de orgullo. A Adala Infantil, a formación infantil do grupo de teatro de Fazouro, está formada por nove nenos e nenas, actores e actrices, e van representar o día 21 Ai mamaciña, que medo. É a historia dunha bruxiña e un ogro moi particulares. A obra é para nenas e nenos a partir de 4 anos”.

O edil de Cultura contou que “imos rematar esta Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón o 28 de outubro cos nenos e nenas da agrupación Ollomao, o grupo de teatro do noso veciño concello de Barreiros, que tan boas sesións de teatro xa nos ten dedicado en Ribadeo. Van presentar unha versión de Cabeza de dragón, de Valle Inclán, unha comedia crítica protagonizada por nenos e nenas cunhas idades que van desde os 5 aos 15 anos. Esta montaxe é axeitada para maiores de 5 anos. Nenos e nenas, pais e nais, non dubidedes en achegarvos ao teatro a Ribadeo porque os domingos que veñen 14, 21 e 28 de outubro vai haber teatro para nenos e nenas, e para todos os públicos”.

Pola súa banda Mati Rodríguez, viúva de Daniel Cortezón, dixo que “me parece moi ben esta idea do teatro infantil, sobre todo feito por nenos para nenos. Penso que é un momento moi bo de reivindicar que en Ribadeo tamén podía haber un grupo de teatro infantil porque temos un grupo de teatro afeccionado moi importante e ultimamente creo que non existe o grupo de teatro infantil. Que o teñan os veciños de municipios con menos xente e que Ribadeo non o teña me parece un pouco sinxelo”.