O 15 de xullo celébrase o I Ribadeo Ilustrado. Haberá unha conferencia do cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, e unha visita teatral.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, convida a participar no I Ribadeo Ilustrado, que terá lugar o vindeiro xoves, 15 de xullo, no Salón de Plenos da Casa Consistorial. Alí haberá unha conferencia pronunciada polo cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, e despois unha visita teatral a cargo de Os Quinquilláns.

Na súa presentación o edil ribadense explicou que “se trata dun proxecto municipal que xurde da idea de seguir a potenciar a vila de Ribadeo como un referente turístico, con especial fincapé en ofrecer un entorno atractivo e dinámico e cun gran potencial cultural. Esta Área leva un tempo traballando nesta marca na que xa se inclúen outros proxectos como os microvídeos teatralizados, rutas 360, rutas guiadas, etc”.

Vizoso Galdo sinalou: “pretendemos amosar que Ribadeo era e é terra de mariñeiros, de pescadores, de navegantes… e que conta cun sen fin de particularidades que o fan diferente: explicando qué se comercializaba, qué embarcacións se empregaban e o modo de vida en terra dos mariñeiros e comerciantes, o pasado, a linguaxe, etc… Un dos momentos na historia deste concello que deixou unha forte pegada no noso centro histórico, é o comprendido entre os séculos XVIII e XIX. É neste momento cando o porto de Ribadeo coñece un dos seus períodos máis relevantes. Por el entran directamente procedentes do Báltico, liño e cáñamo para fornecer os tecedores de toda a comarca. Por aquel entón aséntanse numerosos comerciantes na vila, que irán transformando a súa fisionomía coa construción de novas vivendas nas que se aloxa esta emerxente clase social economicamente poderosa”.

O concelleiro de Turismo contou que “familias como os Campoamor, os Lanza, os Villamil e, sobre todo, a de Antonio Raimundo Ibáñez, irán ocupando lugares privilexiados na sociedade da época. Este último, capitaneará este ilusiónante proxecto e exercerá de guía”.

O edil seguiu a relatar que “nesta primeira edición, dadas as circunstancias, vémonos na obriga de ofrecer un formato reducido, un pequeno adianto para edicións futuras. Dado que a intención da Concellaría de Turismo é facerlle medrar ao proxecto coa fin de involucrar á sociedade, ao sector servizos, á hostalería, á restauración, etc... fomentando a revalorización da cultura propia, a confianza social no desenvolvemento endóxeno e diversificación da economía”.

O vindeiro 15 de xullo ás 19:30 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial terá lugar a conferencia Desde a Ilustración ao devalo da vela: Sociedade e tecido comercial en Ribadeo, a cargo de Eduardo Gutiérrez Fernández, o cronista oficial de Ribadeo. E a continuación haberá a visita teatral polo Ribadeo Ilustrado, a cargo do grupo de teatro Os Quinquilláns. 

Pablo Vizoso aproveitou para lembrar que “ao longo deste verán haberá visitas guiadas e teatralizadas polo Ribadeo Ilustrado”. As guiadas terán lugar os días 16, 23 e 30 de xullo e 6, 13, 20 e 27 de agosto ás 11:30 horas con saída desde Oficina de Turismo. E as teatralizadas, de man de Os Quinquilláns, serán os xoves desde o 15 de xullo ata o 9 de setembro ás 20:30 horas e con saída neste caso desde diante do Concello.

O cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, dixo: “eu estou encargado de dar unha conferencia cando orixinalmente, o ano pasado pensábase nun ciclo sobre varias perspectivas, por exemplo, para empezar sobre o propio Ibáñez, do que se discute se era ou non un ilustrado. Ilustrado en certo sentido si que o era porque era moderno, actual, arriscado e foi precursor en moitísimas actividades”. E aludiu ás iniciativas ilustradas rexistradas en Ribadeo: “por exemplo a Sociedade de Fomento, que creou unha escola de pilotaxe anterior á escola de náutica, a creación de todo tipo de sociedades como o Círculo de Recreo ou a Sociedade Filantrópico Dramática, que é de 1835 e que aínda recordo ver, antes utilizábase papel, cun lema que é puramente ilustrado e dicía Aplaude la virtud, el vicio arguye y en pública lección al pueblo instruye, non me digan que non é unha cuarteta que define o espírito realmente ilustrado”. 

E o alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “o Ribadeo Indiano é unha referencia histórica tamén á emigración. Pero agora queremos dar un paso adiante máis dinámico, que é precisamente que toda esta historia, do pasado non tan remoto pero dos séculos XVIII e XIX, cobre vida novamente. Vida teatralizada, caracterizada ou mesmo a través de conferencias tan interesantes como a que acaba de esbozar Eduardo Gutiérrez. Sabemos que temos o covid aínda, que estamos nun momento que non pode haber eventos de masas pero, se hai uns anos puxemos a andar o Ribadeo Indiano porque había un substrato vencellado á emigración, agora neste ano 2021 con ánimo de que siga para o futuro, queremos botar a andar o Ribadeo Ilustrado porque temos un substrato histórico moi rico e queremos, desde logo, poñelo en valor, e estamos convencidos de que así vai ser”.