O 21 de abril terá lugar en Barreiros a VII Carreira Popular das Praias con saída de Arealonga e chegada en Altar.

O 21 de abril terá lugar en Barreiros a VII Carreira Popular das Praias. O evento foi presentado por varios organizadores e afeccionados ao atletismo popular, que estiveron acompañados polo alcalde, Alfonso Fuente Parga. 

A carreira comezará ás 11.00 horas na praia de Altar en Barreiros (Lugo). As carreiras infantís serán todas no propio areal con distancias adaptadas en cada categoría, mentres que a absoluta terá a saída na praia de Arealonga (Reinante) e percorrerá todas as praias de Barreiros ata rematar en Altar. Trátase dunha distancia aproximada de 10 quilómetros.

A entrega de dorsais será en Punta Anguieira, diante do Hotel Ría do Masma, habilitando a organización un servizo de autobuses para o traslado de participantes dende a zona de meta á saída. Ao remate da carreira será a entrega de trofeos e haberá tamén uns pinchos para os participantes e acompañantes.

A Carreira Popular das Praias está confirmada como unha das máis fermosas de Galicia por tratarse dunha proba fora do común e polas paraxes polas que discorre. Así mesmo os organizadores confían en consolidala en participación nesta 7ª edición, tratando de fomentar o deporte na zona ao mesmo tempo que dar máis a coñecer as fabulosas praias de Barreiros.

As persoas interesadas en participar nesta cita poden atopar toda a información e realizar as inscricións están na web www.carreirapopulardaspraias.jimdo.com