O 22 de setembro haberá rutas en bicicleta eléctrica por Burela. A actividade, organizada polo Concello, é gratuíta.

A Concellería de Medio Ambiente organiza rutas en bicicleta eléctrica. Serán o 22 de setembro e haberá 4 grupos de 10 persoas cada un. A inscrición está aberta. A actividade enmárcase na programación da Semana da Mobilidade 2018. 

A edil Noelia Mª Ben explica que “con motivo da celebración da Semana da Mobilidade 2018 a Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela oferta unhas rutas en bicicleta eléctrica. Terán lugar o 22 de setembro, que é sábado, dende as 10:00 ata as 14:00 horas. Faranse 4 grupos de 10 persoas cada un e irán acompañados por un monitor que marcará o percorrido polo noso pobo”. 

A concelleira de Medio Ambiente sinala que “a idade mínima para poder participar é de 12 anos, se ben é certo que os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto. A duración de cada ruta será de 50 minutos aproximadamente e a dificultade do percorrido é baixa, adaptándose ás idades dos participantes. Dúas das bicis teñen silliña para os máis peques, ata 25 quiilos, polo que é posible levar aos máis pequenos de ruta”. 

Para poder participar nesta actividade hai que inscribirse no Concello na Oficina Técnica de Xestión, ou ben por teléfono no 982 58 60 00, 982 58 08 67 ou 647 13 66 73. A saída será da Praza do Concello. A actividade é gratuíta.