O 26 de setembro terá lugar en Ribadeo o acto de conmemoración do centenario do naufraxio do bote Fernando Villamil. Será no Forte de San Damián.

Mañá, xoves, pola tarde celebrarase o acto de conmemoración do centenario do naufraxio do bote Fernando Villamil. No Forte de San Damián haberá o descubrimento dunha placa alusiva a ese feito e intervencións do alcalde, Fernando Suárez, da concelleira de Cultura, Pilar Otero, e tamén do cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez. 

A edil ribadense contou que “mañá, 26 de setembro, terá lugar ás 17:00 horas no Forte de San Damián un pequeno acto de conmemoración deste episodio da nosa historia local. Será un acto institucional no que participarán o alcalde, Fernando Suárez, eu mesma e no que o cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, ofrecerá unha pequena presentación sobre aquel feito”.

Pilar Otero subliñou que “co obxectivo de achegar á veciñanza o aciago feito ocorrido con esta embarcación vaise colocar neste mesmo acto unha placa alusiva ao pé do bote que se garda no Forte. E tamén se distribuirá entre as persoas asistentes unha separata do libro A muralla de Ribadeo, que saíu do prelo recentemente e que actualmente se pode comprar en diferentes librarías de Ribadeo ou na propia oficina de Cultura do Concello”.