O 27 de xuño arrincan os Mercados dos Domingos en Ribadeo, que organizan o Concello e A Sucadoira.

Este domingo, 27 de xuño, arrinca a XX edición do Mercado dos Domingos. Na cita, que organizan o Concello e A Sucadoira, participarán 14 produtoras e produtores da zona. Na presentación o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, lembrou que se celebrará na contorna da praza de abastos todos os domingos de 9 a 14 horas desde o 27 de xuño ao 10 de outubro. 

O edil ribadense explicou que “o Concello de Ribadeo organiza o Mercado dos Domingos en colaboración coa Asociación de Produtores da Horta A Sucadoira. Trátase dun mercado de produtoras e produtores da nosa zona, que pon en valor a economía de proximidade, que potencia o consumo de tempada e saudable, que coida do medio e que beneficia, loxicamente, a nosa economía local e apoia e dinamiza a vila de Ribadeo”.  

Pablo Vizoso contou que “este mercado celebrarase, como cada ano, os domingos na contorna da praza de Abastos de Ribadeo en horario de nove da mañá a dúas da tarde e contará con 14 produtoras e produtores da nosa zona – dun radio de non mais de 50 quilómetros de Ribadeo-. Neste espazo poderase atopar unha oferta de calidade e ben diversificada, de produtos procedentes da nosa zona: alimentos de proximidade como produtos da horta, incluso algún dos postos con produto ecolóxico, pan, ostras , queixo, embutidos, zumes, cervexas, coitelería…”.  

O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “coa posta en marcha desta nova edición, que se vai prolongar durante máis de tres meses, xa que comeza dende este domingo, día 27, e durará ata o 10 de outubro, o Concello de Ribadeo contará cun espazo máis para o encontro da tradición coa sostibilidade”.