O 28 de outubro terá lugar un novo Domingo a Pé, organizado pola Concellaría de Igualdade e polo CIM de Ribadeo. A inscrición está aberta.

A Concellaría de Igualdade pon en marcha o vindeiro 28 de outubro un novo Domingo a Pé. O percorrido a realizar nesta ocasión será o comprendido entre Rinlo e Ribadeo.

Desde a Concellaría de Igualdade e desde o CIM explican que “os Domingos a pé son unha actividade anual dirixida ás mulleres adultas, co fin de promover un tempo para elas mesmas, un tempo de ocio, un tempo illadas das obrigas familiares, laborais… un tempo para rachar con esa dobre ou tripla xornada laboral. Ademais, de poder gozar dese tempo para elas, poderán coñecer lugares do seu entorno inmediato, e facer un pouco de exercicio físico”.

E engaden que “desta volta desprazarémonos desde Rinlo a Ribadeo. Consiste en ir no tren a Rinlo e volver pola senda costeira camiñando a Ribadeo 13 quilómetros. Sairase ás 11:30 horas  da estación de tren de FEVE e regresaremos arredor das 16.30/17.00 horas. Como ven sendo habitual, contaremos coa colaboración de Teresa Díaz, para guiarnos nas rutas. Teresa é membra da Directiva da Asociación Pena Tallada, e ten investigado todas as rutas da nosa contorna, que podedes atopar no seu blogue: http://teresaderibadeo.blogaliza.org”.

As mulleres interesadas en participar na ruta deben anotarse no Centro de Información ás Mulleres, sito no Auditorio Municipal Hernán Naval, chamando ao teléfono 982 120 739/ 982 120 808  ou ben enviando  un correo electrónico ao enderezo cim@ribadeo.org. Deberán de levar calzado cómodo, auga, comida e paraugas ou chubasqueiro por si chovese algo.