O 6 de novembro en Ribadeo haberá unha charla sobre "Educación dixital positiva para as familias, como controlar sen invadir".

A Concellería de Igualdade organiza diversas actividades nos centros de ensino ribadenses. Violencia de xénero e o novo contexto dixital é o título dos obradoiros educativos para nenos, nenas e adolescentes, centrados no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sextorsión…  

O vindeiro luns, 6 de novembro, ao longo de  todo o día, a entidade Pantallas Amigas impartirá uns obradoiros ao alumnado de 2º da ESO do IES de Ribadeo, no que participarán 69 alumnas/os e pola tarde o obradoiro terá lugar no Colexio Sagrado Corazón de Xesús para o  alumnado de 3 da ESO. 

Ese mesmo día, ás 19.30 horas desenvolverase unha charla dirixida a nais, pais, educadorxs, profesorado e calquera persoa interesada en xeral que xirará arredor da Educación dixital positiva para as familias, como controlar sen invadir. “A entidade que vai impartilo, Pantallas Amigas, ten como misión a promoción do uso seguro e saudable das novas tecnoloxías e o fomento da cidadanía dixital responsable na infancia e na adolescencia”, explican desde a Concellaría de Igualdade. A charla terá lugar no salón de actos da Casa do Mar. 

Estas actividades teñen lugar no marco do Acordo de Colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Igualdade e o departamento e a Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia para a conformación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, sendo seleccionado o Concello de Ribadeo para desenvolver esta actividade.