O 9 de abril terá lugar a IX Ruta BTT Pico da Lebre, que organiza o Club Ciclista Foz. O participante elixirá a duración e dureza da proba.

O día 9 deste mes, domingo, celebrarase a novena edición da ruta BTT Pico da Lebre, que organiza o Club Ciclista Foz. Foi presentada cun acto no que participaron o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, e seis membros da directiva do club: Mauro Álvarez, Ibán Castro, José Antonio González, Lombardero, Iván Rodríguez e Suso Lestegás.

A ruta sairá desde a Praza Conde de Fontao ás 9 da mañá. Unhas das novidades deste ano é a da elección por parte do participante da duración e dureza da proba, posto que a organización propón tres trazados de diferente dificultade para adaptarse aos distintos tipos de ciclistas que queiran achegarse a Foz para gozar dun día de ciclismo puro de montaña. Para os ciclistas que desexen optar pola variante más sinxela teñen preparado un percorrido de 32 quilómetros aproximadamente no que a ascensión total será de 1.100 metros. O segundo percorrido alongarase ata os 41 quilómetros, nos que a ascensión será de aproximadamente 1.200 metros. Esta opción está pensada para ciclistas en estado de forma e técnica medios. A última opción será de 46 quilómetros e 1.450 metros de ascensión. Dispoñible para aqueles ciclistas cunha forma física media alta.

A meta tamén estará na Praza Conde de Fontao. Os percorridos pasarán por Malates, San Martiño, Trasmonte, beiras do río Ouro, Pico da Lebre, etcétera, lugares con espectaculares subidas e baixadas e unhas vistas impresionantes.

Desde o Club Ciclista Foz expresan o desexo de que esta ruta sexa cicloturista, fóra de competición. Aínda que non descartan nun futuro crear algún evento competitivo, pero a proba do domingo 9 de abril queren que sexa para os amantes do ciclismo de montaña, para gozar dos montes e da natureza de Foz, da bicicleta, pasando un día de compañeirismo ciclista.