O CCH de Viveiro e Prato-Do poñen en marcha unha campaña de colaboración co cine local como aposta de oferta cultural de ocio entre as nenas e os nenos.

Desde o CCH de Viveiro sinalan que “o obxectivo destas colaboracións é poñer en valor o cine, un sector tan sumamente castigado nos últimos tempos e que non podemos permitir que desapareza o único que queda en Viveiro. Por este motivo, o CCHV, a Asociación Prato-Do co seu proxecto Viveiro Sostible e Cines Viveiro suman forzas para fomentar e apoiar a cultura cinematográfica nos mais novos”.

E lembran que “o ano pasado iniciamos este tipo de colaboracións, no que se ofrecían descontos en forma de vales para animar ós pais e nenos a ir ó cine, e dado o éxito de afluencia poñémolo en marcha unha vez mais, e xa van con esta tres campañas durante este curso 22-23, desta volta con novidades”.

Desde o colectivo empresarial indican que “en aras de seguir mellorando a experiencia, imos poñer en marcha a promoción durante dúas fins de semana seguidas, polo que haberá bonos tanto para o 15 e 16 de abril como para o 22 e 23. Deste xeito intentamos que ningún rapaz se quede sen poder ver a película preferida porque o aforo estea completo. Serán vales desconto de 2€ para poder ver 3 películas de animación e aventuras a elixir, “Super Mario Bros”, “Violeta, la Hada Traviesa” e “Los tres mosqueteros”. Estes vales serán entregados nos colexios da zona para que cheguen directamente ós nenos: Nesta semana recibirán os vales desconto os centros CEP Lois Tobío, EEI San Roque e Colexio Landro. E na vindeira semana serán os centros restantes primeiro entregaranse no CEIP de Celeiro, CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo e o CEIP Plurilingüe de Covas”.

E engaden: “o desconto será directo ó presentar o vale en taquilla, pero tamén se pode canxear previamente ó comprar a entrada online en www.cinesviveiro.com. Este sistema é moi rápido e sinxelo e garante que xa tes o teu sitio reservado ó chegar. O aforo é limitado e por iso se recomenda o sistema de sacar a entrada online. Igualmente, o cine abrirá as súas portas 30 minutos antes do inicio da sesión para que a xente poida ir con tempo e así intentar evitar as esperas. O cine está en funcionamento con películas tódalas fins de semana, estreas aquí ó ladiño da casa e que podemos aproveitar para vivir “experiencias” xunto ós nosos. Apostamos por crear sinerxías entre sectores e axudar á recuperación do sector audiovisual. O éxito das pasadas convocatorias fainos repetir novamente esta colaboración a 3 bandas”.

Estas accións están financiadas con cargo ós fondos Feder, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, «Unha maneira de facer Europa».