O CCH pon en marcha unha nova campaña de colaboración con Cines Viveiro, que terá lugar os días 23 e 24 de abril.

Ó longo do ano a asociación de comerciantes de Viveiro colabora, participa e pon en marcha distintas iniciativas para fomentar e apoiar a cultura, o deporte, o arte... 

Desde o CCH de Viveiro explican que “nesta ocasión seguimos apostando por poñer en valor “o cine”, un sector tan sumamente castigado nos últimos tempos e que non podemos permitir que desapareza o único que queda en Viveiro”. 

E sinalan: “no mes de marzo, na campaña do Dia do Pai poñíamos en marcha o sorteo de 50 entradas para acudir ó cine en familia. A participación foi numerosa e os gañadores puideron desfrutar dunha “experiencia” de película en pantalla xigante, de olor a butaca de cine e de sabor a palomitas”. 

O CCH subliña que “para esta fin de semana poñeremos en marcha outra iniciativa para achegar o cine a tódolos pequenos. Consiste nun vale desconto de 2€ para o sábado 23 ou o domingo 24 de abril  con 3 películas de animación e aventuras a elexir, “Los Tipos Malos”, “Sonic 2” e“Ainbo, la Guerrera del Amazonas”. Estes vales serán entregados nos colexios da zona para que cheguen directamente ós nenos, CEIP Pedrosa Latas de Celeiro, CEIP Landro, EEI San Roque, CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, CEIP Plurilingüe de Covas e o CEP Lois Tobío.O desconto será directo ó presentar o vale en taquilla, pero tamén se pode canxear previamente ó comprar a entrada online en www.cinesviveiro.com co código CINE4, este sistema é moi rápido e sinxelo e evita as colas na entrada do cine”. 

E engaden: “o cine volve a estar en funcionamento con películas tódalas fins de semana, estreas aquí ó ladiño da casa e que podemos aproveitar para vivir experiencias xunto ós nosos. Apostamos por crear sinerxías entre sectores e axudar á recuperación do sector audiovisual. Nesta colaboración tamén participa a Asociación Prato-Do, co proxecto Viveiro Sostible, que busca achegar o desenvolvemento sostible á poboación viveirense e moi especialmente á comunidade educativa”.