O CD Lugo e o Coruxo FC disputan o XXXII Trofeo Vila de Foz o 4 de agosto no estadio Martínez Otero.

O CD Lugo e o Coruxo FC disputarán a XXXII edición do torneo estival de fútbol Vila de Foz no estadio Martínez Otero o día 4 de agosto, mércores, ás 19:30 horas. Este evento deportivo, que está organizado polo CD Foz coa colaboración do Concello focense, foi presentado hoxe.

O presidente do Club Deportivo Foz, José María García Rivera, manifestou: “para min é unha honra presentar o XXXII Trofeo Vila de Foz porque o ano pasado non puidemos facelo pola pandemia, pero agora, grazas a Deus, imos ver se somos capaces de ver o próximo mércores ese interesantísimo partido entre o Club Deportivo Lugo e o Coruxo Club de Fútbol. Quero darlle as grazas ao presidente do Lugo, Tino Saqués, e ao Coruxo por estar aquí en Foz para disputar este torneo. Agradecer tamén os trofeos feitos por Cerámica Regal, que son marabillosos, moi bonitos e que falan moito da nosa terra. E, como non, ao Concello de Foz hai que agradecerlle a súa implicación, coma sempre, neste torneo, tanto á concelleira de Deportes como ao de Relacións Institucionais e ao propio alcalde”.

José María García Rivera engadiu: “nosoutros somos os que levamos o peso da organización, pero o Club Deportivo Foz é unha institución e sempre está para axudar no que faga falta”.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García Rodríguez, felicitou ao Club Deportivo Foz “por esa volta ao trofeo Vila de Foz, que a pasada tempada por mor das circunstancias sanitarias non se puido levar a cabo, pero volta moi forte este ano, cun Lugo-Coruxo, un partido que vai ser vibrante, no Martínez Otero, no corazón da nosa vila. É un pracer sobre todo recibir ao segundo equipo de Galicia, ao CD Lugo, cun traballo de club moi importante, que vén de facer unha enorme xesta: todos os afeccionados ao fútbol recordamos ese partido vibrante en Vallecas e ese tramo final de liga, no que logrou consolidar por máis dunha década a este gran club da provincia na categoría de prata do fútbol español. Queremos agradecer tamén ao Coruxo a súa presenza no noso pobo e felicitarnos de que un ano máis Foz sexa capital futbolística, con dous grandes equipos”.

Ademais Carlos García Rodríguez destacou que o Club Deportivo Foz “está a facer un traballo excepcional na Rexional Preferente. Desexamos desde o Concello que sexa un gran espectáculo, que se manteñan as medidas, gardando os espazos e ben preparados sanitariamente para desfrutar do noso fútbol. A vida non pode parar e o deporte tampouco, así que grazas a todos e viva o fútbol focense”.