
O Complexo Cultural Regal Xunqueira, que está nesa parroquia do municipio de Viveiro, acollerá unha exposición de pinturas da artista ferrolá María José Leira. Esta mostra, titulada Buracos por onde entra o aire, será inaugurada este venres, día 10 de abril, as 20:30 horas e poderá visitarse ata o día 28 de maio
A artista explica: “fan falta máis de sesenta uns para contar os anos que levo traballando na pintura de cadros. Aprendín de nova debuxando a realidade -hoxe pregúntome cal realidade-; despois mergulleime nos ismos: puntillismo, expresionismo, cubismo, orfismo, fauvismo, futurismo e dadaísmo,… cos que aprendín a desaprender o que aprendera e a mirar cara a dentro. Deste xeito hoxe pinto elementos amoreados, comprimidos, insinuados ou rematados, cheos de cor, libres da vacua verborreira, para deleite ou desgusto de quen os mira. As especialidades que desenvolvín ao longo da miña traxectoria artística, son fundamentalmente pintura e tintas sobre papel (infograbados)”.
María José Leira expuxo a súa obra desde o ano 1970 en moitos lugares, como Ferrol, Lugo, Vilagarcía de Arousa, Santiago, Oporto, Cedeira, Viveiro, A Coruña, Culleredo, Oviedo, Madrid, Ourense, Pontedeume, Santiago de Compostela, Fene, Lorient (Francia) ou Arzúa.


