O Concello de Barreiros organiza os días 24 e 25 de novembro actos para a eliminación da violencia contra as mulleres

A Concellería de Igualdade do Concello de Barreiros prepara actividades para escolares, lectura do manifesto polo Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e a proxección do filme “Onde máis doe”. Estes actos desenvolveranse os días 24 e 25 de novembro.

O Concello de Barreiros tamén se suma un ano máis á campaña “En negro contra as violencias”, unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela, co impulso da Administración local, e que ano tras ano foi medrando, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia.

O venres 24 de novembro haberá xornadas de sensibilización e concienciación para o alumnado dos colexios CEIP San Cosme e CEIP San Miguel. Tamén serán partícipes nestes talleres as crianzas de último ano da Escola Infantil Municipal. E ás 12:00 horas na Praza do Concello terá lugar a lectura pública do manifesto por parte da concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

E o sábado 25 de novembro proxectarase o filme “Onde máis doe”, un documental da cineasta Manane Rodríguez que versa sobre a violencia vicaria. Será ás 17:30 horas no centro sociocultural de San Cosme.