O Concello de Burela celebra o 50 aniversario do barco museo Reina del Carmen o 22 de setembro. Haberá varios actos para renderlle homenaxe.

O Concello de Burela celebrará este sábado, 22 de setembro, diversos actos con motivo do 50 aniversario do barco museo Reina del Carmen. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, anunciou que haberá unha charla e unha visita ao barco. Os tripulantes do boniteiro e os guías turísticos deste museo flotante serán os protagonistas deste día e recibirán un recordo do mesmo. Xa pola tarde haberá unha xornada de portas abertas e todas aquelas persoas que o desexen poderán visitar o barco museo de xeito totalmente gratuíto.

O edil de Turismo, Ramiro Fernández, contou que “o día 22 imos celebrar o 50 aniversario do barco boniteiro Reina del Carmen. Imos celebrar ese aniversario desde a primeira vez que saíu faenar ese barco, que é emblema turístico de Burela”.

O concelleiro burelés dixo que “vai ser algo sinxelo, pero non nos gustaría pasar ese aniversario sen facer ningún tipo de acto, co cal imos facer unha charla onde imos falar do barco e do que significa para Burela. Será na confraría de pescadores, ás doce. Despois imos ir ata o barco coas autoridades e coa tripulación de todos estes anos, que vai estar presente, e faremos unhas fotos alí para ter recordo deste día. Imos facer tamén coas autoridades un pequeno pincheo de bonito no propio porto”.

Fernández Rey quixo “destacar e agradecer a presenza de moitos tripulantes dese barco durante o tempo que estivo faenando, e imos ter incluso algún daquela primeira tripulación que saíu ao mar hai tantos anos. Para nós é unha tremenda satisfacción cumprir este 50 aniversario e telo como barco museo, que é un referente turístico, e imos seguir potenciando e intentando traballar para que o barco cada vez teña máis relevancia e importancia en canto a turismo para Burela”.

O concelleiro explicou que “na charla que imos ter na confraría vou facer unha pequena presentación como concelleiro de Turismo, tamén estará Narciso González, que foi un dos grandes promotores para que o barco se convertera en barco museo, non foi nada fácil conseguilo, pero ao final témolo aí e hai que recoñecerlle ese traballo a Narciso, ademais de ser tripulante tamén nese barco. O presidente da confraría de pescadores de Burela, Basilio Otero, vainos contar un pouco o que significa o bonito para Burela, todo o retorno económico que ese peixe lle está dando a Burela e o recoñecemento en toda España. Para pechar o acto vai estar o alcalde, Alfredo Llano, que nos contará un pouco todo o relacionado co barco e a importancia que ten para Burela. Ademais imos aproveitar para darlles un recordo a toda esa tripulación que estivo faenando no barco boniteiro e para os guías que estiveron traballando nel ao longo destes anos. É unha maneira de agradecerlles toda esa implicación e ese traballo que levan feito na divulgación do barco durante todos estes anos”. 

Ramiro Fernández Rey considera que “vai ser un acto bonito, que pode quedar máis que digno para celebrar este 50 aniversario e esperemos que poidamos celebrar moitos máis aniversarios do barco museo Reina del Carmen, que non teño ningún tipo de dúbida de que calquera goberno que estea en Burela vai apostar firmemente, como facemos nós, por ese barco museo”.

O Reina del Carmen é o único barco museo flotante de España.