O Concello de Burela coproduce con Tarabela Creativa unha obra teatral que se estreará o 9 de outubro

O salón de plenos do Concello de Burela acolleu este mércores a presentación da obra teatral titulada O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger, unha coprodución entre Tarabela Creativa e o propio Concello que se estreará o día 9 de outubro en Burela. No acto participaron representantes do Concello e da compañía, que deron a coñecer a nova proposta escénica que mestura humor, memoria e identidade e que mantén unha estreita vinculación con Burela.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, explicou que "é unha satisfacción poder presentar un proxecto como este, no que levamos tempo traballando con Tarabela Creativa, unha compañía que xa coñece ben Burela”. Sinalou que nesta ocasión decidiron dar “un paso máis” apostando por unha coprodución dunha obra “moi especial e moi ligada á vila polo seu protagonista e pola historia que conta”.

Gómez puxo tamén en valor o papel da cultura como “elemento de identidade que nos move e define”, sinalando que “nesta obra Burela non é só un escenario senón que forma parte da historia, da identidade e da memoria”.

A obra está dirixida por Avelino González e interpretada por Carmen Conde, Fran Lareu e Xosé Manuel Esperante. Segundo explicaron na presentación, “trátase dunha comedia que nace dun proceso creativo moi persoal, xa que durante un ano Carmen Conde entrevistou ao seu propio pai, antigo membro da Policía Xudicial e especialista en dactiloscopia, para reconstruír a partir da súa memoria unha serie de casos reais que se entrelazan nunha única trama criminal”.

Xunto coa estrea da obra, o proxecto desenvolverá en Burela unha programación cultural complementaria que inclúe ensaios abertos na semana previa dirixidos a distintos colectivos, coloquios co equipo artístico e un obradoiro impartido por Carmen Conde centrado na dramaturxia, a narrativa e a narración oral. Ademais a compañía presentará tamén o espectáculo de narración oral para público adulto titulado O que non estaba escrito.

Dende o Concello de Burela convidan á veciñanza a asistir, destacando esta iniciativa como “unha oportunidade para achegar o proceso creativo ao público e reforzar a aposta pola creación cultural e polo talento galego”.

Ademais a data de estrea marcará o inicio do percorrido desta produción, que levará o nome de Burela a outros escenarios.