O Concello de Burela pon en marcha unha campaña para que as nenas e os nenos poidan falar con Papá Noel este Nadal. Será a través de vídeo chamada.

O Concello de Burela pon en marcha a campaña Queres falar con Papá Noel?. Os país, nais ou titores legais dos pequen@s deberán solicitar, a través da web, que Papá Noel se poña en contacto con eles nas vindeiras datas de Nadal. O prazo de inscrición remata o día 17 de decembro.

As persoas interesadas terán que solicitar esa chamada a través da web www.nadal2020.es onde aparecerá un apartado chamado Rexistro no que deberá marcarse o de Burela. Despois da inscrición, e de marcar a data e a hora, deberá terse dispoñible o teléfono móbil a través do que se vai establecer a comunicación.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, declara que “este ano é diferente dos demais e os nosos nenos e nenas non poderán sentarse no colo de Papá Noel para contarlle que é o que lles gustaría recibir. Por esta razón todos os nenos e nenas do noso concello que así o desexen, recibirán unha vídeo chamada a través de whatsapp para falar con el en persoa”.

A edil engade que “no caso de que non dispoñan de conexión, que non saiban rexistrarse o que o seu móbil non teña whatsapp, desde o Concello imos encargarnos de que ningún neno ou nena quede sen a súa chamada”.

Carmela López explica que “ademais os departamentos de Servizos Sociais e Inmigración do Concello van contactar con todas as familias que non teñan acceso a internet ou non estean tan afeitas coa tecnoloxía para que ningún neno ou nena quede sen a súa chamada, se así o desexa”.

A concelleira sinala que “tamén nos puxemos en contacto con Cáritas, co Centro San Aníbal e Cruz Vermella para que ningunha familia con nenos quede fora. Ademais estamos en contacto coa Fundación Eu Son e a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental para que aqueles usuarios que o demanden poidan recibir tamén a súa chamada”.