O Concello de Cervo deu a coñecer a programación para o Entroido 2022. Os desfiles serán os pratos fortes.

O alcalde, Alfonso Villares, a Delegada de Cultura, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Turismo, David Rodríguez, presentaron a programación do Concello para este Entroido xunto con Rafa e Azucena, representantes da Asociación Airiños do Xunco.
 
Os actos comezan o sábado 26 de febreiro cunha actuación infantil na Praza do Souto. Será ás 12:30h baixo a carpa que se instalará para a celebración do entroido.
 
O Desfile de Entroido de Cervo terá lugar o domingo 27 de Febreiro. As inscricións poderán realizarse a través dos teléfonos 617 313 207 (Rafa) ou no 982 557 613 (Azucena) ata o venres 25 de febreiro. Todos os que o fagan ata esa data recibirán unha cesta con produtos típicos de entroido. Tamén se poderá apuntar o mesmo día do desfile, unha hora antes (17H) no Pavillón de Cervo.
 
O día estará amenizado por unha charanga. Ao remate, haberá un espectáculo musical e farase a entrega de premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas. Os premios serán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de entroido. 
 
O luns 24 celebrarase, na carpa da Praza dos Campos de San Ciprián, a tradicional Festa Infantil de Entroido organizada polo Concello de Cervo. Será en horario de 17H a 20H e haberá inchables e obradoiros para os nenos e nenas.
 
O martes, 1 de marzo, será a quenda do Desfile de San Ciprián, con saída ás 18H na Praza dos Campos. Haberá 2.280€ en premios aos mellores disfraces e comparsas. O desfile estará amenizado por unha charanga e ao remate haberá unha actuación musical.
As persoas interesadas en participar no desfile poderán anotarse na Casa da Cultura de San Ciprián ou chamando ao 982 595 157, en horario de mañá, ata o luns 28 de Febreiro incluído.
 
Os premios entregaranse na Praza dos Campos, despois do desfile, ás 21:30 horas; e todos os gañadores terán que recollelo co disfrace posto.
 
Para o alcalde, Alfonso Villares, “é unha boa nova que podamos celebrar outra vez o entroido polas rúas do noso municipio” e engade que “os desfiles desenvolveranse respectando, sempre, as medidas de distancia social e seguridade establecidas”.
 
A edil de cultura, Dolores García anima “a todos e todas, veciñanza e visitantes, a que veñan a gozar das actividades programadas en Cervo para este entroido”.