O Concello de Cervo e Hai Larán presentan un escape room exterior para descubrir o municipio a través do xogo

O Concello de Cervo e Hai Larán presentaron Crónicas de Cervo, un novo escape room exterior “pensado para descubrir algúns dos recunchos máis emblemáticos do municipio dunha forma diferente, combinando aventura, enxeño, patrimonio e natureza”.

A actividade, que estará dispoñible a partir do mes de agosto, xa permite realizar reservas a través da páxina web www.hailaran.es. Está dirixida a grupos de entre dúas e cinco persoas e consiste nun percorrido en vehículo propio por diferentes localizacións do concello, nas que os participantes deberán resolver probas, enigmas e desafíos para completar a misión.

A experiencia ten unha duración flexible, de entre catro e oito horas, permitindo que cada grupo organice o seu tempo e desfrute das diferentes paradas ao seu ritmo. Está pensada para público de todas as idades, “sendo unha proposta ideal para familias, grupos de amizades ou parellas”, explica o Concello de Cervo.

O prezo da actividade é de 70 euros por equipo, aínda que o Concello de Cervo colabora coa iniciativa ofrecendo unha bonificación do 50% para as persoas empadroadas no municipio, que poderán beneficiarse deste desconto contactando directamente coa empresa organizadora.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, presentou esta nova proposta xunto a Rubén Prieto, responsable de Hai Larán Escape Room & Espazo Creativo, unha das iniciativas empresariais instaladas no Centro de Emprendemento de Sargadelos.

Durante a presentación, a rexedora destacou “a importancia de seguir incorporando propostas innovadoras que contribúan á dinamización turística e económica do municipio. Crónicas de Cervo é unha oportunidade magnífica para descubrir os nosos espazos máis especiais desde unha perspectiva completamente diferente. A través do xogo, da investigación e da cooperación, os participantes coñecerán o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico dun xeito moi atractivo e divertido. É unha iniciativa que encaixa perfectamente coa nosa aposta por ofrecer experiencias de calidade tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan”.

García Caramés quixo tamén poñer en valor o traballo desenvolvido por Hai Larán, “un proxecto emprendedor nacido en Cervo e instalado no Centro de Emprendemento de Sargadelos, que continúa medrando e innovando con propostas creativas capaces de atraer visitantes e xerar novas oportunidades para o municipio”.

Desde Hai Larán explican que “Crónicas de Cervo combina o formato dos escape rooms coa exploración do territorio, convertendo aos participantes nos protagonistas dunha historia na que deberán colaborar para superar retos mentres percorren diferentes escenarios do concello”.

Coa posta en marcha desta iniciativa, o Concello de Cervo “continúa apoiando actividades que fomentan un turismo experiencial, sostible e vinculado ao coñecemento e valorización do territorio”.