O Concello de Cervo prepara un álbum de cromos co alumnado das Escolas Deportivas e cos clubs do municipio como protagonistas.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Deportes, prepara un álbum de cromos no que os protagonistas serán os alumnos das escolas deportivas municipais e os membros dos diferentes clubes do municipio.

Así o anunciaron o rexedor Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, que se achegaron ata o pavillón de Cervo onde puideron ser partícipes dunha sesión de fotos.

O rexedor sinalou que ”pensamos neste formato porque nos parece unha forma diferente e orixinal para dar a coñecer e difundir a oferta deportiva do noso Concello, que abrangue multitude de disciplinas”; ao tempo que esta plataforma pretende ser unha homenaxe a todos aqueles, pequenos e maiores, que practican deporte no noso Concello, coa idea de que esa filosofía se transmita entre o conxunto da nosa veciñanza “porque cremos que o deporte é fundamental en todas as facetas da vida e así dende o Concello de Cervo apostamos firmemente por promover hábitos de vida saudables; tendo en conta que a actividade deportiva é fundamental para o benestar físico e emocional das persoas”.

Pensamos que a iniciativa pode resultar atractiva para os nosos veciños; sobre todo para os máis novos, que terán a oportunidade de facerse con cromos individualizados e personalizados nos que eles serán as personaxes.

As páxinas do álbum pretenden ser unha ampla recompilación da actividade deportiva de Cervo, con fotografías do municipio e das diferentes modalidades que se poden practicar ao longo de todo o ano no noso Concello “agardando que sexa un simbólico, pero interesante extracto que reflicta a filosofía sobre a que levamos anos traballando e que vai intimamente ligada a promover e apoiar o deporte no seu conxunto”.

Recordaron que a comezos de outubro arrincou a nova tempada das Escolas Deportivas Municipais, con máis de dez disciplinas deportivas coa intención de ofrecer múltiples posibilidades aos usuarios para que poidan escoller aquel deporte ou deportes que desexen; “pero aquelas persoas que aínda non se inscribiron, están a tempo de facelo e formar parte deste proxecto que botou a andar en Cervo no ano 2017”.

Os interesados poden contactar a través das direrentes redes sociais ou no teléfono 691.65.66.00.