O Concello de Foz organiza o XVII Concurso de Postais de Nadal. Os traballos poden presentarse ata o 1 de decembro.

Dende a Delegación de Cultura e a Biblioteca Pública Municipal focense organízase o XVII Concurso de Postais de Nadal para seleccionar a tarxeta que se utilizará para realizar a felicitación oficial do Concello de Foz neste Nadal 2020.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “a data de remate de presentación de traballos será o vindeiro 1 de decembro na Biblioteca Pública Municipal. Para calquera dúbida ou información pódense dirixir á mesma biblioteca ou ben chamar ao 982.140.675. As bases do concurso serán publicadas nas redes do Concello e na páxina web.”

“Estamos moi orgullosos deste certame pola participación ano tras ano de todos os colexios do concello”, engade Inés López Couto, quen anima “a todas as nenas e nenos a participar no certame, a que desfruten debuxando aquilo que máis lles guste e desexándolles a todos a maior das sortes.”
Día da Biblioteca

Ademais este pasado sábado celebrouse o Día da Biblioteca e por iso a través das redes sociais do Concello de Foz achegáronse contos que poden ser de interese para todos as nenas e nenos: clásicos como A topiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza e El increíble niño que come libros así como enlaces das diferentes celebracións que coinciden neste mes de outubro, como a das Letras Galegas, dedicadas a Carvalho Calero, e o centenario dun dos escritores máis destacados do noso país, como é Miguel Delibes.