O Concello de Foz organiza un ciclo de charlas médicas durante o mes de novembro

O Concello de Foz, a través da Concellería de Sanidade, organiza durante o mes de novembro un novo ciclo de charlas médicas, unha iniciativa que ten como obxectivo achegar á veciñanza información de interese sobre diferentes cuestións relacionadas coa saúde, o benestar físico e emocional e a prevención, anuncia a concelleira de Sanidade de Foz, Kathy Navarro.

As charlas terán lugar na Casa da Cultura de Foz ás 20:00 horas e contarán coa participación de profesionais e especialistas que compartirán os seus coñecementos e experiencias sobre temas de actualidade.

A primeira cita será o mércores 4 de novembro, coa charla titulada As emocións e a aceptación tras a perda dun ser querido, que será impartida por Sonia Arias López, autora da curtametraxe Mudanza. “Esta produción foi recoñecida con diversos galardóns internacionais, entre eles o premio á mellor produción no 1st Monthly Film Festival de Grecia, o premio á mellor curtametraxe dramática nos Future of Film Awards de Macedonia e o premio á mellor temática social no CBF Festival Internacional de Cine de Vigo. Durante a súa intervención abordarase o proceso emocional que acompaña a perda dun ser querido, a importancia de aceptar e expresar os sentimentos e a maneira de afrontar a dor”, explica a concelleira de Sanidade.

A segunda charla celebrarase o martes 10 de novembro, baixo o título Novas adiccións e tratamentos. Nesta ocasión, a relatora será Maite Lanza Méndez, da Unidade de Adiccións e Drogodependencia do Hospital Público da Mariña. “Durante a súa intervención dará a coñecer o labor que desenvolve esta unidade e abordará especialmente as chamadas adiccións sen substancia, unha realidade cada vez máis presente na sociedade. A charla permitirá coñecer mellor este tipo de condutas aditivas, así como a atención e os tratamentos que se ofrecen dende este servizo sanitario”, indica Kathy Navarro.

O ciclo rematará o mércores 18 de novembro, coa conferencia Causas máis frecuentes da dor de espalda e o seu tratamento, a cargo de Javier Antolín Suárez, traumatólogo do Hospital Público da Mariña. “Nesta charla explicaranse as principais causas da dor de costas, un problema moi habitual entre a poboación, así como as opcións de tratamento e as recomendacións para a súa prevención”, comenta a concelleira de Sanidade de Foz, que destaca “a importancia de continuar promovendo este tipo de iniciativas que permiten achegar información sanitaria de calidade á cidadanía”.