O Concello de Foz pecha 12 instalacións municipais do 14 ao 28 deste mes de marzo, ante a incidencia do coronavirus.

Ante a incidencia do coronavirus o Concello de Foz pecha doce instalacións municipais do 14 ao 28 deste mes. Anunciouno hoxe o alcalde, Fran Cajoto, a través dun bando.

En primeiro lugar o rexedor municipal envía “unha mensaxe de tranquilidade, de calma e de confianza nas autoridades sanitarias. Os protocolos van mudando e hoxe tivemos coñecemento das últimos decisións da Xunta de Galicia e do Goberno de España. Entón en referencia a iso desde o Concello tamén temos que tomar medidas para previr na medida do posible os contaxios polo COVID-19, o novo coronavirus”.

Cajoto especificou que “van quedar pechados ao público o Centro de Día de Foz, a Escola de Música Arcadio Mon, a Casa da Cultura, o Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo, o pavillón de Marzán, o campo de fútbol de Malates, a piscina municipal, a Casa da Xuventude, o CENIMA, a Sala Bahía, as salas de usos múltiples do edificio de Asuntos Sociais e o roupeiro municipal. Isto terá efecto a partir desde sábado, día 14”.

O alcalde engadiu que “aparte do xa anunciado, de que se apraza a comida de maiores do 21 de marzo e se suspenden os bailes dos domingos, tamén quedan de momento paralizadas as actividades e cursos socioculturais que estabamos dando nos distintos centros, tamén as escolas deportivas municipais, as actividades que estaban programadas para o Mes da Muller, a xornada de entrega e difusión de composteiros que estaba prevista para o próximo martes e tamén a exposición Somos migrantes, abrimos camiños que está na Casa da Cultura”.

O rexedor municipal explica que “son medidas preventivas para evitar aglomeracións de xente en servizos municipais que non son básicos, pero seguen abertas as dependencias cos rexistros, pero rogamos que na medida do posible a gran cantidade de trámites a xente que teña medios informáticos que os faga a través da sede electrónica para evitar os desprazamentos que non sexan necesarios”.

Ademais Cajoto incide en que “sempre se atendan as indicacións das autoridades sanitarias e que en caso de dúbida se chame ao teléfono habilitado polo Sergas, o 900.400.116, ou se se presenta algunha sintomatoloxía, segundo indican os médicos, ao 061. E entre todos temos que traballar e mudar ou pouquiño a nosa forma de actuar, o noso día a día, pero con estas medidas preventivas conseguirase conter os contaxios e así as medidas reduciranse en tempo e forma. O que queremos todos é que a incidencia sexa a mellor posible”.