O Concello de Foz presentou a Primavera Cultural, que inclúe a segunda parte do ciclo de Teatro nas Parroquias.

O alcalde e a concelleira de Cultura de Foz, Fran Cajoto e Inés López, presentaron hoxe, xoves, a Primavera Cultural. Este programa de actividades que se vai desenvolver ata finais de maio inclúe a segunda parte do ciclo Teatro nas Parroquias, que “está en marcha desde novembro con actuacións das compañías de teatro afeccionado de Foz e continúa agora con máis teatro e monólogos profesionais”, explica López Couto.

O 12 de abril na Casa da Cultura focega haberá teatro infantil a cargo de Tarabelos. E o sábado 15 celebrarase a Festa do Berberecho no porto coa actuación da orquestra El Combo Dominicano. Ese mesmo día na Sala Bahía haberá un monólogo a cargo de Federico García. O domingo 16 en San Acisclo actuará o actor Pepo Suevos e o día 23 haberá teatro infantil na Casa da Cultura a cargo de Caxoto. A programación continuará o mércores 26 coa presentación do novo libro de Paco Rivas na Casa da Cultura. O sábado 29 actuará o actor Avelino González en Nois, mentres que na Sala Bahía terá lugar o Festival Contra o Cancro con Mar Aberto e Rondalla Latexos. E ao día seguinte Avelino González estará en Vilaronte.

Xa en maio o domingo 7 terá lugar en Vilaronte a segunda edición do mercado de produtos locais Aos pés de Cornería. O día 13 a Banda de Música de Foz ofrecerá o seu concerto das Letras Galegas. O domingo 14  Avelino González actuará en Fazouro e o día 18 na Casa da Cultura haberá un espectáculo infantil especial Letras Galegas a cargo de Caxoto. Do 19 ao 21 celebrarase a Festa do Bispo Santo e os días 20 e 21 terá lugar en Nois a Festa das Flores.