O Concello de Foz programa para o 11 de setembro o espectáculo do Circo Krasnovarak. E tamén hai cita coa espeleoloxía e coa Milla Urbana.

Este sábado, 11 de setembro, ás 18.30 horas os nenos de Foz teñen unha cita co espectáculo de Troula Animación Circo Krasnovarak na praza Conde de Fontao.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “enormes animais chegarán este sábado a Foz para facer desfrutar aos nenos. É unha representación dun circo no que os animais escapan por Foz e haberá que buscalos. A compañía Troula Animación tráenos este espectáculo para animar a volta as aulas e comezar setembro con diversión. Animamos a todos as nenas e nenos a ir a desfrutar dunha representación diferente”.

Inés López Couto engade que “ademais desta actividade este sábado ás 19.30 horas na Casa da Cultura a Federación Galega de Espeleoloxía ofrecerá unha charla para divulgar o seu traballo e explicar a evolución das furnas na nosa costa. E tamén está programada a Milla Urbana, organizada polo club de atletismo Ría de Foz e que encherá o día de actividade deportiva”.