O Concello de Ribadeo impulsa un proxecto de sensibilización e apoio ás persoas coidadoras, que se desenvolverá de abril a xuño

A Área de Benestar Social, Saúde e Familia do Concello de Ribadeo pon en marcha durante os meses de abril, maio e xuño un proxecto de sensibilización e apoio dirixido ás persoas coidadoras de dependentes, con especial atención ao alzheimer e a outros tipos de demencias.

O programa titulado Coidando ao Coidador incluirá charlas e obradoiros que serán impartidos por María Roel, enfermeira da Área de Benestar Social, Saúde e Familia. Estas actividades desenvolveranse durante os meses de abril e maio nas distintas parroquias de Ribadeo, cuxas datas concretas serán anunciadas proximamente.

Ademais, crearase un grupo de apoio mutuo en colaboración coa Asociación Cuiden Maiores e Coidadores. A concelleira Elena Sierra explica que se trata dun “proxecto piloto cunha duración inicial de tres meses, tras o cal se realizará unha avaliación para valorar a súa continuidade. Será con inscrición previa. Dentro desta iniciativa, tamén se celebrará o Primeiro Foro de Alzheimer, en colaboración coa Xunta de Galicia, AFALU Lugo e AFAN Burela. Este encontro terá lugar o 30 de maio e será unha xornada especial centrada no Alzheimer e noutras demencias e sobre todo nas persoas coidadoras e nos profesionais sociosanitarios. Así mesmo, o sábado 13 de xuño desenvolverase unha xornada de reivindicación e visibilización dedicada ás persoas coidadoras familiares no fogar”.

A edil responsable da Área de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, destacou a importancia desta iniciativa e sinalou que “é necesario crear este tipo de espazos seguros para apoiar ás persoas coidadoras de persoas dependentes, que desgraciadamente cada vez son máis”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, reafirmou o compromiso que O Concello ten con este tipo de accións: “seguiremos traballando nesta liña, onde o centro do coidado son as persoas e o valor destas, recoñecendo o labor fundamental das persoas coidadoras”.

Con este proxecto, o Concello de Ribadeo “reforza o seu compromiso co benestar social e co apoio ás familias e coidadores, fundamentais na atención ás persoas dependentes”.