O Concello de Ribadeo só autorizará a celebración de fogueiras de San Xoán e de San Pedro en espazos de titularidade privada. Os permisos xa se poden solicitar.

As fogueiras de San Xoán e San Pedro estarán prohibidas, un ano máis, en espazos públicos e só poderán celebrarse en lugares privados cumprindo unha serie de requisitos, segundo deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez. Os permisos xa se poden solicitar no Concello ata o 22 de xuño para as fogueiras de San Xoán e ata o 25 para as do San Pedro.

Suárez Barcia dixo que “dentro de poucos días xa temos aquí o San Xoán e o San Pedro e con eles a celebración das fogueiras. Este ano, desde o Concello de Ribadeo, temos en conta a situación excepcional derivada da crise sanitaria do covid-19 e as medidas hixiénico sanitarias de prevención que temos que manter as diferentes administracións públicas de forma excepcional, tamén para este exercicio 2021”.

O rexedor subliñou que “en primeiro lugar, prohibimos e prohibiremos a celebración de fogueiras que se asenten en espazos públicos, pero autorizaremos as fogueiras aos particulares que se asenten en espazos de titularidade privada. Cada fogueira, como sempre, ten que ter un o varios responsables que deben comunicar ao Concello a intención de facer a fogueira cubrindo un impreso, que temos a disposición deles, e comprometéndose á adopción das diferentes medidas de seguridade precisas, como a distancia de seguridade, protección con máscara e a aplicación de medidas de hixiene”.

O alcalde explicou que “se teñen que adecuar, en todo momento, ás normas sanitarias e ao mesmo tempo hai que dispoñer dunha pequena caixa de primeiros auxilios, especialmente equipada para queimaduras. Máis logo unha serie de instrucións que lles detallaremos no seu momento. Teñen de prazo para comunicar esta queima ata as 13:00 horas do día 22 de xuño para as fogueiras do San Xoán e ata ás 13:00 horas do día 25 de xuño para as fogueiras do San Pedro. En caso de incrumprimento de todo isto que estamos indicando ou de queixas xustificadas dos propios veciños procederase polo servizo de extinción de incendios, a requirimento da Policía Municipal, a sufocar de inmediato a fogueira, que esperemos que non se dean ningún destes casos”.

Fernando Suárez animou “a todos os que o queiran facer as fogueiras que o vaian comunicando xa ao Concello, pero sempre lembrándose de que ten que ser, este ano tamén, soamente en espazos de titularidade privada e non en espazos públicos”.