O Concello de Viveiro convoca dous concursos para fomentar a creatividade dos escolares ao longo destes días de confinamento.

O Concello de Viveiro, a través da Concellaría de Cultura, pon en marcha dúas iniciativas dirixidas aos escolares coa finalidade de fomentar a súa creatividade durante estes días de confinamento e ofrecerlles unhas actividades que os permitirán manterse vinculados ao mundo cultural do concello, ademais de servir de entretemento durante este período de alarma.

A primeira destas propostas, baixo o nome de Biblio-Mascota, vai dirixida aos nenos e nenas de Viveiro que cursen Primaria e con ela preténdese escoller á que será a mascota da Biblioteca Pública Municipal no ano 2020.

Este concurso nace coa pretensión de darlle continuidade no tempo, polo que o deseño escollido non será definitivo, senón que cada ano se realizará unha nova edición ofrecendo aos nenos e nenas a oportunidade de participar nesta iniciativa.

Co debuxo gañador realizarase un peluche que, durante un ano, se converterá na mascota da biblioteca municipal; o neno ou nena gañador/a recibirá un lote de material escolar, ademais dun abono para as actividades infantís do Teatro Pastor Díaz.

Ao longo desta semana publicaranse as bases deste concurso, prevéndose que os traballos poidan remitirse por correo electrónico a partir do vindeiro luns, 30 de marzo, e durante un período de 15 días, realizándose a elección do gañador/a e a entrega do premio unha vez que remate este complicado período que estamos a vivir.

A segunda das iniciativas posta en marcha vai dirixida a todos os nenos e nenas de Viveiro, para que ao longo da duración do Estado de Alarma poidan enviar ao correo electrónico do Departamento de Cultura (rbg.cultura@viveiro.es) as súas fotografías ou arquivos con debuxos e mensaxes de ánimo en lingua galega, facendo constar o nome e apelidos do neno ou nena.

Cando remate esta difícil situación, o Concello organizará unha exposición nas instalacións municipais e editará un video conmemorativo destas datas que están sendo tan complexas para todos. O envío dos traballos ao correo antes referido leva implícita a autorización para a exposición dos debuxos que se reciban.

Finalmente, unha vez que pase todo isto e que por parte do goberno central se autorice a organización de eventos, “o Concello organizará unha festa na Praza Maior para todos os nenos e nenas de Viveiro, como mostra de recoñecemento polo ben que o están facendo estes días, nos que están aprendendo, entre outras cousas, a ser máis pacientes e como mostra de recoñecemento polo esforzo que están realizando quedando na casa”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

O Concello anima a todos os nenos e nenas a que se animen a participar nestas iniciativas, lembrando que as bases do concurso Biblio-Mascota se darán a coñecer ao longo desta semana.