O Concello de Viveiro e a Xunta de Cofradías acollen o 7 de outubro unha xornada dos Días da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua

O programa desta xornada inclúe diversas exposicións fotográficas, proxeccións de vídeos, visitas e xornadas de portas abertas na Igrexa de San Francisco, e un concerto da Banda Naval no propio templo.  

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca que con estas celebracións “Viveiro camiña da man con outras localidades destacadas a nivel europea pola súa Semana Santa, aumentando cada vez máis a proxección internacional da nosa festividade”. 

En horario de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:30 poderán realizarse numerosas visitas. Por unha banda, a Igrexa de San Francisco acollerá unha exposición permanente da Semana Santa de Viveiro, así como dúas exposicións fotográficas nos seus dous claustros. O claustro principal do templo estará engalanado con indumentarias das diferentes confrarías e irmandades para a ocasión. 

A propia igrexa albergará tamén, ás 20:30 no seu claustro principal, o concerto da Banda Naval. E, por outra banda, a Oficina de Turismo de Viveiro albergará durante todo o día unha serie de proxeccións de vídeos da Semana Santa. Tanto esta actividade como as anteriores son totalmente gratuítas. 

Os ‘Días da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua’ terán lugar ata o día 15 de outubro. Esta iniciativa está organizada de xeito internacional pola Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, da que forma parte o Concello de Viveiro. 

O evento nace con carácter anual, e permite dar a coñecer os valores culturais tanxibles e intanxibles da Semana Santa fóra da súa época de celebración, ademais de ofrecer unha oferta turística e cultural para a poboación local e visitante. Nesta ocasión, e dada a acollida do pasado ano, celébrase durante quince días en lugar de dous. 

O obxectivo da Rede Europea é promocionar e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionado coas celebracións da Semana Santa e Pascua. Faino a través de accións que poñan en valor este patrimonio, impulsen a súa contorna cun desenvolvemento turístico sostible e contribúan a salvagardarlo a través do traballo científico e de investigación. 

Do mesmo xeito, o seu fin é sumar esforzos para consolidar un modelo de estudo, salvagarda e difusión do patrimonio das tradicións da Semana Santa e Pascua en Europa. En total celebraranse máis dunha trintena de actividades.