O Concello de Viveiro impulsa un programa de sensibilización sobre a lingua de signos. O 17 de abril haberá un contacontos.

O Concello de Viveiro impulsa unha campaña de concienciación sobre a lingua de signos, cun contacontos en LSE e un curso online de formación en lingua de signos de 40 horas.

Este proxecto dá continuidade ao convenio firmado a semana pasada polo goberno local coa Fundación “La Caixa” e CaixaBank para adquirir cinco mochilas vibratorias Subpac que garanten a accesibilidade da comunidade xorda á programación cultural municipal. 

“A inclusión é unha das prioridades do noso grupo de goberno, polo que é un orgullo ver como este tipo de iniciativas se poñen en marcha no noso municipio”, destaca a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. 

Hoxe, martes 13 de abril, comeza o curso online de introdución á lingua de signos, impartido por Miriam Aller, intérprete de Entresignos, e que terá unha duración de 40 horas. A formación diríxese ao persoal dos centros educativos e doutras asociacións do municipio que estean en contacto tanto con alumnos como con persoas con diversidade funcional. O obxectivo do goberno local é que polo menos un representante de cada centro educativo de Viveiro poida gozar desta formación. 

“O próximo ano queremos impartir un curso presencial máis longo, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan e se os centros educativos así o solicitan”, explica Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro. 

Doutra banda, este sábado 17 de abril, presentarase o contacontos “Di e os amorodos”, a cargo de Paula Gándara, intérprete de LSE. O conto incluirá unha parte narrada en lingua de signos. 

A función será ás 12:00 na sala multiusos do Concello de Viveiro e diríxese a nenos e nenas a partir dos 5 anos. Debido ao contexto sanitario, as prazas para o contacontos serán limitadas, polo que cómpre reservar previamente a través de WhatsApp no teléfono 654208333. 

“O contacontos permitirá que os máis pequenos tomen contacto con esta linguaxe, cumprindo co noso obxectivo de sensibilizar a todas as idades e lograr facer do noso concello un lugar máis accesible”, subliña a concelleira de Cultura. 
A programación é parte do proxecto “Viveiro Inclúe”, unha iniciativa que terá continuidade no longo prazo e coa que o goberno local pretende que Viveiro sexa accesible para as persoas con diversidades funcionais, cognitivas ou psicolóxicas. Esta iniciativa conta coa participación da concellería de Benestar Social, dirixida por Victoria Baamonde.