O Concello de Viveiro organiza Sábados de Conto os días 11, 18 e 25 de setembro. As actividades serán na Biblioteca Pública.

O Concello de Viveiro, a través de concellería de Cultura, organiza para os últimos tres sábados de setembro (días 11, 18 e 25) unha nova edición de “Sábados de contos”, que conta co financiamento do programa Ler Conta Moito 2021 para a dinamización da lectura nas bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A edil de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, quixo invitar a todos os pequenos e pequenas do concello a participar nesta actividade co obxectivo de “favorecer a lectura desde a infancia para que se enchan de sabedoría e de cultura”. 

A responsable local insistiu no compromiso do goberno local de fomentar que as nenas e nenos viveirenses poidan “somerxerse nestas aventuras que nos proporcionan os libros e que nos fan medrar cun espírito crítico e con máis liberdade”. 

“Princesas e Princesos”, a cargo de Os Contos de Pablísimo, será a primeira das citas o 11 de setembro ás 12.00 do mediodía. O seguinte sábado, 18 de setembro, á mesma hora, será a quenda de Trinketrinke Teatro coa obra “Familias Diversas”. E a derradeira xornada terá lugar o 25 de setembro co conto “Carabranca”, de Iria Pinheiro e a Compañía Eléctrica.

Todas as actividades desenvolveranse na Biblioteca Pública e a entrada será de balde, aínda que haberá aforo limitado e as invitacións terán que retirarse dende o luns anterior ata o venres ás 15.00 horas. A reserva poderase realizar no 982 57 06 06. 

As familias que o desexen poderán enviar aos nenos sen compañía dun adulto, xa que a actividade contará con monitores, garantindo o cumprimento exhaustivo do tódolos protocolos COVID.