O Concello de Viveiro reparte os vales para trocar no comercio e na hostalería locais aos gañadores do I Desfile Dixital de Entroido.

O Concello de Viveiro xa comezou a repartir os premios do I Desfile Dixital de Entroido, que consisten en bonos para gastar no comercio e na hostalaría locais. As persoas gañadoras poderán trocar os seus vales nos establecementos do municipio ata o vindeiro 30 de maio de 2021.

O goberno local detalla a normativa para trocar os bonos, os cales non se poderán nunca trocar por diñeiro en efectivo. Ademais, as persoas gañadoras do concurso deberán usar os vales nos establecementos de comercio e na hostalaría do Concello de Viveiro (non é necesario que formen parte dalgunha das asociacións do sector).

Doutra banda, no caso de que o prezo da compra sexa inferior ao do bono, non se devolverá a diferenza. É dicir, recoméndase trocar os bonos por importes superiores ao seu valor e redondear cos propios cartos a diferenza de prezo. Por exemplo, nun artigo que custe 5,45 euros pódese aboar cun bono de 5 euros, poñendo o cliente os 45 céntimos restantes.

O concello fai un balance moi positivo do desfile. “Estamos moi satisfeitos porque calou na veciñanza. Queremos agradecerlle a todas as persoas que participaron activamente, mandando os seus vídeos, e ás que fixeron posibles ás votacións”, afirma Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.

En palabras da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, “o obxectivo cumpriuse por partida doble, xa que foi un éxito de participación e cos vales que entregaremos incentivaremos as compras no comercio local, un sector moi perxudicado pola pandemia”.

Por outra parte, dende o Concello de Viveiro recordan aos comerciantes o cumprimento destas dúas normas no desenvolvemento da campaña: nin trocar os vales por diñeiro en efectivo nin dar a diferenza de prezo se a compra é dun importe inferior. O goberno local pretende con isto que o importe dos premios do concurso se reverta no comercio local.

Para proceder ao reintegro dos bonos, os comerciantes deberán selar o vale e emitir unha factura a nome do Concello de Viveiro polo importe da compra. Permítese ademais emitir unha única factura con varios vales, se así o desexa o comerciante.

O prazo para que os comerciantes canxeen os vales que reciban é o 4 de xuño de 2021. Unha vez emitida a factura, o comerciante debe dirixirse ao Concello de Viveiro con ela e mais os vales canxeados, para poder trocalos por un cheque.

Non obstante, dende o Concello de Viveiro recordan que a participación na iniciativa por parte dos comerciantes é voluntaria, polo que non están obrigados a aceptar os bonos. No caso de precisar máis información, pódese contactar no teléfono 982 560128.