O Concello de Xove realizou melloras na sala multideportiva, á que dotou dun sistema de climatización e aireación.

O Concello de Xove conta dende hai bastantes anos cunha sala multideportiva, anexa ao ximnasio, na que se realizan ao longo de todo o ano  adestramentos dalgúns deportes como fitnes, aerobic, ximnasia de  mantemento, karate,... Desde o Concello explican que “debido ao covid, e ao tratarse dunha sala pequena, polo menos se a vemos con respecto ao que pode ser unha pista polideportiva,  xurdiunos o problema da climatización e aireación da mesma”.
   
E engaden: “dende marzo de 2020, debido ao covid, a sala estivo practicamente sen utilizarse. Para solucionar este problema, dende o Concello pensouse que o mellor era climatizala e potenciar a súa aireación. Pois ben, o proceso de climatización e aireación está rematado, cunha dobre instalación de aire, climatizado por un lado e filtrado por outro. A instalación realizada ten unha capacidade de aportación de aire de 800 metros cúbicos hora, pensado para unha ocupación de 25 persoas facendo deporte ao mesmo tempo”.

O orzamento total foi de 10.258,80 euros, financiados integramente polo Concello.