O Mercado dos Domingos de Ribadeo inclúe o 1 de setembro o Toma Tomate, o 22 de setembro o Pemento Fest e o 13 de outubro a Festa da Horta.

O Mercado dos Domingos celébrase na contorna da praza de Abastos de Ribadeo ata o 13 de outubro. Esa xornada terá lugar a Festa da Horta. Pero antes os días 1 e 22 de setembro chegarán o Toma Tomate e o Pemento Fest respectivamente. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, presentou a axendiña do Mercado dos Domingos. 

O edil ribadense lembrou que “o concello de Ribadeo aposta desde hai moitos anos polo desenvolvemento dun espazo de consumo local como é o  Mercado dos Domingos. Este mercado celébrase todos os domingos na contorna da praza de abastos e terá duración ata o 13 de outubro”. 

Vizoso dixo que “o Mercado dos Domingos é un mercado de produtores e produtoras da zona, un mercado directo, achegando así os produtos ás persoas consumidoras,  das persoas produtoras á mesa poñendo en valor a economía máis próxima, potenciando o consumo de temporada e saudable, coidando do medio e con garantías de calidade e frescura”. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local contou que “neste espazo podemos atopar 13 postos cunha oferta ben diversificada, todos procedentes da zona e no  que predominan os produtos da horta procedentes de Ribadeo e no que tamén poderemos atopar coitelería, pan, ostras, queixo, embutidos, zumes, doces ou cervexas, entre outras cousas”.

Pablo Vizoso sinalou que “o  Concello de Ribadeo quere apostar por este tipo de mercados e animar a participar deles, xa que así inxectaremos beneficios na economía local, alimentarémonos mellor e axudaremos aos pequenxs agricultorxs e produtorxs da zona ao tempo que apoiamos ao desenvolvemento rural, fomentamos a cultura, e o ocio en Ribadeo”. 

O edil engadiu que “desde o Concello queremos ver este mercado de produtorxs non só coma un espazo para a venda, senón tamén  coma un espazo para a divulgación dun modelo mais sostible e responsable, un espazo de ocio e gastronomía , e por iso esta tempada poñemos en marcha a axendiña do Mercado dos Domingos, que incluirá o desenvolvemento de diferentes eventos. Xa deu comezo o pasado 11 de agosto do Día do Produto Local, e seguirá o 1 de setembro co Toma Tomate!!, o 22 de setembro co Pemento Fest e rematará o 13 de outubro coa Festa da Horta. Dentro destes eventos contaremos cun espazo dedicado á divulgación da sostenibilidade, a xerar conciencia sobre o consumo responsable e a promoción da economía local e máis próxima e non faltará tampouco un espazo para ocio, onde atoparemos musica e gastronomía”.

Pablo Vizoso animou “ás persoas a que visiten Ribadeo e busquen o noso espazo local de consumo: o Mercado dos Domingos”.