O Mercado dos Domingos, que tería que celebrarse en Ribadeo o 25 de xullo, trasládase esta fin de semana ao sábado.

O Mercado dos Domingos, que tería que celebrarse o 25 de xullo, trasládase ao sábado. Terá lugar, como é habitual, na contorna da praza de abastos. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explica que “debido á festividade do 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, e só por esta semana cambiamos a data do noso Mercado dos Domingos. En lugar de celebrar a tradicional cita este domingo trasladámola ao sábado 24 na contorna da praza de abastos en horario de dez da mañá a dúas da tarde”. 

O edil ribadense engade que “xa para o vindeiro 1 de agosto volvemos celebrar o mercado en domingo, coma sempre, desde o pasado 27 de xuño e ata o 10 de outubro”. 

O Mercado dos Domingos está organizado polo Concello de Ribadeo en colaboración coa asociación A Sucadoira. Nel participan 14 produtores e produtoras da zona con alimentos de proximidade como produtos dahorta, pan, ostras , queixo, embutidos, zumes, cervexas, coitelería…

Vizoso Galdo engade que “o noso Mercado dos Domingos pon en valor a economía de proximidade, potencia o consumo de temporada e saudable, coida do medio e beneficia, loxicamente, a nosa economía local e apoia e dinamiza a vila de Ribadeo”. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local subliña que “esta cita está a ter moi boa acollida entre a nosa veciñanza e tamén entre a moita xente que nos visita durante o verán e que aproveita para mercar produtos de temporada da horta da nosa contorna”.