O Museo Provincial do Mar, de San Cibrao, acollerá o 21 de agosto o proxecto Arte Viva, de Ana Rielo. Está organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Os xardíns do Museo de Lugo acolleron esta mañá a presentación dos proxectos culturais Arte Viva e Escolma Diversa, que se desenvolverán ao longo do mes de agosto nos catro museo da Rede Provincial.

Trátase de propostas deseñadas por Ana Rielo e Javier Sánchez, estudantes do Máster en Servizo Culturais, que se imparte na Facultade de Humanidades do Campus Terra, que empregarán os diferentes espazos museísticos para poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso e iniciar a súa carreira profesional no ámbito da xestión cultural.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou que “estamos especialmente orgullosas de presentar e dar cabida a esta iniciativa porque segue a cultivar os vínculos e a colaboración coa Universidade de Santiago, neste caso coa Facultade de Humanidades, onde se imparte o grao e o máster en servizos culturais”.

“É un ámbito do coñecemento polo que se apostou desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en diferentes etapas e con diferentes fórmulas de colaboración, porque estamos convencidas,  de que este tipo de coñecemento é fundamental para sociedades vivas, críticas, diversas, e tamén para o desenvolvemento cultural, social e económico”, destacou.

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago,  explicou que “a propostas achegan aos museos novas formas de facer comunidade con actividades que tocan o folk, a astronomía, o cinema ou o drag” e contribúen a “achegar os museos a novos públicos e dar voz a axentes culturais con olladas diversas para refrescar a institución e resignificar estes espazos”.

Ana Rielo e Javier Sánchez, que ademais de formarse como xestores culturais teñen experiencia nas artes escénicas, debullaron na presentación as programacións de cada un dos seus proxectos, remarcando os elementos comúns. “Cada un destes proxectos pon o foco en varios temas, públicos e comunidades se ben comparten unha ollada transversal cara a diversidade e a igualdade”, coincidiron. 

rte Viva pon en valor a hibridación das artes e o seu papel formativo na sociedade, creando 4 actividades guiadas por diferentes artistas locais. Implicando público de todas as idades, atoparanse gincanas literarias, obradoiros de ilustración LGBT+, charlas-obradoiro sobre cinema feminista e talleres de iniciación á astronomía. 

Programa

-Aventura no museo. 
6 de agosto. Museo-Fortaleza San Paio de Narla. 17:00 h. 
Para público infantil.

Grandes historias literarias cobrarán vida no Museo-Fortaleza San Paio de Narla. Unha
aventura para a infancia—e a familia que queira acompañala—na que as crianzas seguirán un xogo de pistas para atopar o botín dunha inxeniosa ladrona de guante branco e un antigo pirata galego.

-Ilustrando o arco da vella. 
13 de agosto. Museo de Lugo. 17:30 h.
Mocidade e adultas.

A artista local Ana Senra guía este obradoiro LGTB+ de ilustración rápida. Esta técnica
consiste en debuxar conceptos sinxelos en curtos espazos de tempo e analizar o que nos
din as nosas propias creacións. Así exploraremos os conceptos de xénero, sexualidade e
relacións. Non é preciso ter experiencia previa debuxando, xa que conta o que
transmitimos, non a técnica.

-Miradas á gran pantalla. 
14 de agosto. Pazo de Tor. 17:30 h. 
Mocidade e adultas.

A actriz galega Ana Ribet presenta esta dinámica charla-obradoiro sobre cinema feminista. Nela falará do trato recibido das personaxes femeninas, facendo un percorrido pola historia do audiovisual, dende os grandes clásicos ata as películas e series máis actuais. Seguiralle un obradoiro de escritura creativa onde compartirá ferramentas para escribir unha historia con perspectiva de xénero e identificar a presencia —ou ausencia —da mesma na séptima arte.

-Coñecendo as estrelas. 
21 de agosto. Museo Provincial do Mar. 17:00 h. 
Persoas da terceira idade.

AstroXabi, o xoven divulgador científico, presenta neste obradoiro de iniciación á
astronomía as constelacións e os diferentes corpos do universo que ao longo do ano
podemos desfrutar no ceo galego. Ensinará como elaborar un planisferio e todas as
ferramentas necesarias para dar os primeiros pasos na arte de observar o Universo.

Escolma Diversa, de Javier Sánchez

As actividades da Escolma Diversa relacionan a diversidade LGBT+ co territorio. Mediante teatro de enredo, varios Mapeos da diversidade e o espectáculo didáctico da mediática Meiga-i xunto ao Agrocuir, a Rede fai protagonista á creación de comunidades empregando e visualizando a axentes culturais diversos. 

Programa

-Crónica de desamor travesti. Marinita y sus maromas. 
4 de Agosto. Xardíns do Museo de Lugo.
Para mocidade e adultas.

Unha comedia de enredo e travestismo que trata o absurdo da nosa soceidade, con crítica ao amor romántico e a ficción encorsetada que nos venden nos medios de comunicación. Un xogo de roles de xénero pero, ante todo, unha historia que conseguirá que morras da risa.

Marinita y sus Maromas é unha compañía de teatro, única en Galiza, que mestura historias de comedia de enredo co xénero das variedades, ofrecendo ao público interpretación, canto, danza e transformismo. O travestismo é un piar transversal das súas dramaturxias, sen ser o motor principal de conflicto das variadas personaxes.

-Mapeando a diversidade. 
4 e 13 de Agosto. Claustro do Museo de Lugo. 
Para mocidade e adultas.

Realizarase unha dinámica para mapear a diversidade, é dicir, situar no tempo e no espazo acontecementos trascendentes para a comunidade LGBT+ galega, e poñer en valor aos seus protagonistas.

-Saber e cantar, por Meiga-i. 
Provisional: última fin de semana de Agosto. 
Para mocidade e adultas.

Meiga-i, a drag pandetereita, presentará a dinámica Saber e Cantar. Un xogo no que
convidará á audiencia a repensar os seus prexuizos sobre o folclore e a diversidade a ritmo de pandeireta. A fantasía galega feita persoa conta e interactúa co público para visibilizar as potencialidades de encontro na tradición.