O Praias de Barreiros FS masculino enfrontarase o 24 de agosto ao Xove FS nos dezaseisavos de final da XXIX Copa Galicia de Fútbol Sala.

O Praias de Barreiros bota a andar. O clube barreirense comezou os adestramentos de cara á próxima tempada 2019/2020 coa novidade da posta en liza por primeira vez dun equipo senior femenino.

O fútbol sala volveu ó Pavillón Municipal de Barreiros tralo parón estival, o pasado luns iniciaron a súa preparación os rapaces de Juan Antonio Fernández, que competirán unha tempada máis na Terceira División Nacional. Tras anunciar nas pasadas datas as renovacións do groso da plantilla que rematou a pasada campaña nunha meritoria novena posición no seu debut na categoría, os barreirenses deron comezo á pretempada con varios xogadores a proba e co punto de mira fixado no primeiro partido oficial que disputarán o próximo sábado, 24 de agosto, no Pavillón Municipal cando se enfronten ó Xove FS (20:00 horas) na eliminatoria correspondente ós dezaseisavos de final da XXIX Copa Galicia de Fútbol Sala.

Pola súa banda o equipo senior feminino, de recente creación, iniciou a súa preparación de cara ó seu próximo concurso na Liga Provincial. Comandadas por Modesto Veiga as rapazas comezaron os adestramentos o pasado martes e próximamente confirmarán os primeiros encontros amigables de pretempada.