O Real Club Náutico de Ribadeo izou as súas bandeiras azul e Q de calidade turística no porto deportivo de Porcillán.

O Real Club Náutico de Ribadeo izou hoxe, luns, as súas bandeiras azul e Q de calidade turística no porto deportivo de Porcillán. Ao acto, celebrado este mediodía, asistiron representantes da corporación municipal e da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) ribadense xunto a membros da directiva do club, que observaron atentamente como a nena Elena izaba as dúas bandeiras. 

O presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Ramón Acuña, declarou que “este sinxelo acto non é nada máis que un recoñecemento ao labor destes 8 anos nos que levamos aquí. É o oitavo ano no que temos a sorte de izar esta bandeira que certifica que o porto de Ribadeo é un porto dos mellores de Galicia. Tanto é así que estamos no ranking dos sete primeiros portos deportivos que ten Galicia, tanto en número de tránsitos como en instalacións”.

Acuña tamén recalcou a importancia das instalacións coas que conta actualmente o club: “temos unhas instalacións coidadas. Neste momento, que é o último acto que esta directiva promove, deixamos para as eleccións que temos este venres, unhas instalacións de primeira orde, coidadas, con servizos para todos os socios, sen menoscabo de ningún deles, porque todos somos participes dunhas instalacións dunha entidade que nunca, polo menos no tempo que levamos nós, estivo en contra de ninguén, estivo soamente loitando por aclarar as circunstancias que levaron á situación que estamos a vivir. E neste momento ímonos coa satisfacción do deber cumprido.”

O presidente do RCNR engadiu: “Se se analizan as propostas que nós presentamos no ano 2009 e posteriormente no 2012 neste momento están plenamente cumpridas. Deixamos un club saneado, con todas aquelas propostas de instalacións a realizar feitas e coa satisfacción de saber que neste momento a Xunta de Galicia xa tomou en conta a decisión do peche da bocana e a apertura da nova bocana no canal sur, e polo tanto nós podémonos sentir orgullosos neste momento de deixar un club náutico perfectamente orientado ata os anos vindeiros. Eu confío en que os substitutos que collan as rendas teñan a sorte que tivemos nós e o coidado esmerado en manter as instalacións”.

Ramón Acuña agradeceu a presenza aos asistentes ao acto e tamén ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e aos representantes da Xunta convidados, que se desculparon por non poder asistir: “reiterar o agradecemento pola nosa parte a vós, que estades aquí, un ano tras outro. Tamén quero darlle as grazas a Fernando Suárez, que non pode estar no acto porque ten outro compromiso ineludible, e tamén á Xunta, que se desculpou pola súa falta de asistencia polo problema da pandemia que estamos sufrindo nesta comarca. Eu confío en que isto sexa unha cuestión pasaxeira, que volvamos retomar á nosa vida e Ribadeo poida gozar dun verán apacible, tranquilo e cunha asistencia de turistas o máis grande posible.”